A candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar
que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre
festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía
celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais,
na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade
masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a
xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala".
Máis información no Portal das Palabras
Comentarios
Publicar un comentario