Ir al contenido principal

Adeus a outra promoción: só tres segundos de memoria bastarán para recordarvos

 

Discurso pronunciado por Carme Moure Espiño no acto de graduación da promoción 2017- 2023.  

Hai cousa dun mes, Laura, tras unha hora e cuarto de exame de literatura, convidoume a ler o discurso neste acto de graduación, e eu aceptei case de contado, sen apenas reflexión previa. Ese xoves, de camiño á casa, foron pasando pola miña memoria, dun xeito sucesivo e moi emocionado, ducias de imaxes que vos tiñan a moitas e moitos de vós como protagonistas. Lembranzas de hai seis anos, daquel 2017, cando  recén chegada ao Xelmírez, entrei nas aulas materia 211 e 212 e alí estabades, 1º ESO B e 1º ESO C, o meu primeiro alumnado neste centro, a quen despois vos fostes sumando outros nomes ao longo destes cursos. 

Con vós compartín bocadillos e clubs de lectura ata rematar a ESO, aulas de igualdade en 2º, titoría de convivencia en 3º (naquel ano Covid que nos puxo tan la proba), mediación en 4º, Coeducación en 1º Bacharelato e para rematar o ciclo, 2º BAC. Un final de etapa que vos sitúa, de seguro, nunha encrucillada de camiños, na que teredes que elixir, si, porque a vida vai diso, de tomar decisións. “A vida non é máis que un substantivo[1] recolle Luisa Villalta nun dos seus poemas e é co que vos quero agasallar no día de hoxe, non un, senón un cesto de substantivos  que vos acompañen polos vieiros do porvir, mesturados coa palabra poética que outras voces escribiron, hoxe, para vós e que me van servir para construír desexos[2].

Co mesmo A de Alba, Alejandro, Alexandra, Alicia, Alvaro, Andrea, Antón, Anxo e Ayman, quero poñervos no cesto unha ALGARABÍA,  multiplicádea logo polas que vós desexedes, e que nela sumen os espazos dos afectos, as alegrías, as apertas. Pido que poidades contemplar, co B de Beatriz, Berta, Brais e Borja, a BELEZA dunha BOLBORETA BRANCA porque aí se xuntan todas as cores do mundo[1] e ademais, seica, anticipa a boa sorte e esta, xa sabedes, nunca está de máis tela da nosa parte.

Co C de Candela, Carla, Carmen, Cecilia e Cristina, buscade nesa algarabía a sombra dunha CERDEIRA, a que o poeta Avilés de Taramancos plantaba para darlle unha alegría ao vento[2] e  gozade co CANTO do merlo, que papará as cereixas, pero obsequiaravos coa melodía da súa brisa cantadora.[3]

Non hai quen as colla quietas na mesma postura, pero non deixedes de buscar formas nas NUBES,  co mesmo N de Natalia, Noela, Noelia e Nuria. E se é posible, onde esteades, agardade a que o día durma e contemplade o SOLPOR, co S de Sabela, Santiago, Samuel, Sara, Silvia e Sofía e non esquezades o SORRISO, ese que tanto vale, nada custa e moito agarima.

Co mesmo D de Daniel, David e Diego, vai para o cesto un DESTINO, o que vós escolleredes e co que trazaredes MAPAS, co M de Manuel, Marc, Marcelo, Mario, Mariña, Marta, Mateo, Martín, Mencía e Miu. Ogallá que a travesía vos permita ver a liña do HORIZONTE  co H de Hilari e Hugo e tecer mentres un ENCAIXE de soños co E de Ela, Elisa e Emma. Soños cos que abrir [1] XANELAS, co mesmo X de Xoán e Xacobo, e sabede que as do XELMÍREZ ficarán abertas para cando sintades saudades e queirades volver asomarvos a elas.

Co mesmo I de Iago, Iker, Iria e Iván, un ramallo grande e verde de ILUSIÓNS. E ao lado, no cesto, co mesmo L de Laura, Lía, Lily, Lola e Lucía, LIBERDADE, e co mesmo V de Valeria e Vera, VOO, que a fin de contas, son a mesma palabra[2]. Non vos vai resultar fácil, ás veces, acadar a primeira e emprender o segundo, pero perseverade, porque vivir é caer[3] e levantarse e se errades, pensade que peor sería non telo intentado.

Pero eu non podo abandonar o I, o L e o V, sen falar do IDIOMA, sen sacar a LINGUA e sen apelar ás vosas VOCES, máis que nunca necesarias. Tomade o risco e sacade a lingua para fóra[1] para que esta non se convirta en algo co que non se sabe moi ben que facer porque xa hai tempo que se perdeu o seu manual de instrucións.

Co mesmo U de Uxía, un UNIVERSO. Un universo de PREGUNTAS, co mesmo P de Pablo, Paulo e Pelayo  e de RESPOSTAS, co R de Rafa, Ramón, Raquel, Rodrigo e Rubén.

Escribe Rilke en Cartas  a un poeta mozoQuero pedirche [...]que intentes encariñarte coas preguntas [...] e non busques as respostas que agora non se che poden dar [...].” Vive agora as preguntas. E pode que logo, pouco a pouco, sen darte conta, chegues un día a vivir a resposta”. Digo eu que ao mellor este é un xeito de  non curar a curiosidade[2].  

Todo irá mellor, mentres nos queden flores, así que no cesto, co G de Gonzalo, unha pequena GRILANDA de margaridas amarelas con “herbiñas do campo florido”, as de Rosalía, e co O de Olimpia, unha ORQUÍDEA, coa certeza da flor[1], porque con ela cultivaredes o coidado e a paciencia.

Lembrade o verso do principio “A vida non é máis que un substantivo” e complicado foi atopar un co K, outro con J, e finalmente, un máis para o Y. Teño que confesarvos que chegada a este punto, a piques estiven de pulsar a tecla de Suprimir e darlle a este discurso un marco novo. Pero non quería renunciar a que os vosos nomes propios, os que vos define, acompañasen esta homenaxe e púxenme ao labor. Así que, co K de Kenia, quero que no voso cesto vaia o KOMOREBI, palabra do xaponés que significa esa luz evocadora e máxica, ás veces barroca, cando de carballos se trata, que se filtra a través das follas das árbores[2]. Co J de Javier, Jorge, Juan, Juliana e Julio, JAYUS, do indonesio, que vén ser aquel chiste tan malo, tan malo, tan malo que non queda outra que rir, porque non todo debe ser tan serio.

E, para completar o cesto, co Y de Yago e Yeray,  unha xerra con YAKU, como o pobo quechua lle chamaba á AUGA, porque a auga, vida é,  e desexo para a vosa, a música da auga perdida dos regatos,[1]  auga tardeira de ríos e mares, auga florida da chuvia e  auga lixeira das fontes.

Remato cunhas palabras de Fernando Pessoa, quen sostiña que o valor das cousas non está no tempo que elas duran, senón na intensidade con que acontecen. Por iso, seguía dicindo o poeta, existen momentos inesquecibles, cousas inexplicables e persoas incomparables. Estas persoas incomparables sodes todas e todos vós, que lle dades sentido a unha profesión, en moitas ocasións, fermosa, para as que pido e pedimos que a vida recompense coa saúde e sorte que, sen dúbida, merecedes. E non esquezades que “só tres segundos de memoria bastarán para recordarvos[2].

Moitas grazas

[1] Adaptación duns versos de Álvaro Cunqueiro, do poemario Cantiga nova que se chama riveira.

[2] Adaptación dun verso de Celia Parra “só tres segundos de memoria bastarían para recordarte”, do poemario No berce das mareas.



[1] Verso de Cesáreo Sánchez Iglesias, do poemario As bolboretas do Mekong.

[2] Adaptación de Lost in translation, termo Kamurabi.

 

[1]Adaptación dun verso de Yolanda Castaño “Hai que tomar o risco de sacala para fóra” do poemario A segunda lingua.

[2] Verso de Estíbaliz Espinosa “non curar a curiosidade” do poemario Curiosidade.

 

[1] Adaptación dun verso de Manuel Rivas “Os soños abren as xanelas” do poemario Costa da Morte blues

[2] Adaptación dun verso de Xohana Torres “Libertade e vóo son a mesma palabra” do poemario Tempo de Ría

[3]Verso de Lupe Gómez do poemario Poesía fea.



[1] Adaptación dun verso de Yolanda Castaño “O branco é a unión de todas as cores do mundo” do poemario A segunda lingua.

[2] Adaptación dun verso de Antón Avilés de Taramancos  “Imos plantar unha cerdeira nova/temos que darlle esa alegría ao vento”

[3] Adaptación dun verso de Manuel María “melodía da brisa cantadora” do poemario As lúcidas lúas do Outono.


[1] Verso de Luisa Villalta do poemario A vida dividida.

[2] Adaptación dun verso de Antón Reixa “As palabras serven para construír desexos” do poemario Látego de algas.

[1]Verso de Lupe Gómez do poemario Poesía fea.

[1]Adaptación dun verso de Yolanda Castaño “Hai que tomar o risco de sacala para fóra” do poemario A segunda lingua.

[1] Verso de Estíbaliz Espinosa “non curar a curiosidade” do poemario Curiosidade.

[1] Verso de Cesáreo Sánchez Iglesias, do poemario As bolboretas do Mekong.

[1] Adaptación de Lost in translation, termo Kamurabi.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito