Ir al contenido principal

I Ciclo de Cinema Galego do IES Xelmírez I

O cinema galego entra nas nosas aulas, da man do profesorado de Imaxe e Son. Contaremos coa presenza dos directores e directoras. 
Parabéns a José Antonio  Cascudo, Cristina Iglesias, Lucas Rey e Roberto Rodríguez Carballada pola iniciativa. Que haxa máis!


3 de marzo, 10.45 h

Matria (Álvaro Gago, 2018)


Un día calquera na vida de Ramona, empregada nunha conserveira da costa galega, unha muller con dificultades de comunicación no traballo, onde unha figura masculina inaccesible exerce o poder, e na súa casa, onde o seu marido, a quen tamén “serve”, lle resulta igual de infranqueable. Ramona, heroína silenciada, unha muller exhausta que encontra o seu único refuxio na complicidade da filla e da neta.


3 de marzo, 16.30 h


Encallados (Alfonso Zarauza, 2013)


Un director de cinema ten que reescribir o guión dun filme sobre o Prestige en poucas semanas. Para isto conta coa axuda de dous recoñecidos guionistas, mais o proxecto non semella avanzar como debera, pois deben enfrontarse ás presións do produtor, ao reto de non caer nos tópicos e ás dificultades de conciliar a creatividade coas posibilidades reais de producción. É entón cando se percatan de que o proceso que están vivindo ten entidade propia como historia.

10 de marzo, 10.45 h.

Hamada (Eloy Domínguez Serén, 2018)


Tres mozos saxarauis loitan pola supervivencia nun campamento de refuxiados no deserto de Alxeria, un dos lugares máis áridos do mundo. Pero os protagonistas desta historia, Zaara, Sidahmed e Taher, non falan da inxusta situación política da comunidade que habitan senón do seu día a día e dos proxectos de futuro.

16 de marzo, 19.00 h.


Tralas Luces (Sandra Sánchez, 2011)


Lourdes é unha feiranta que percorre en caravana as estradas coa súa familia, coa pista de coches de choque ás costas. Hai uns anos esa pista era o seu soño, mercala supúxolle un enorme esforzo. Pero os soños teñen vida propia, Lourdes afoga nas súas esperanzas e ninguén semella darse conta. A través de estradas que conducen a aldeas deixadas da man de Deus descubrimos un mundo en vías de extinción, a vida itinerante, e ao mesmo tempo unha historia de amor e de perdas.


24 de marzo, 10.45 h

Ser e voltar (Xacio Baño, 2014)


Un cineasta regresa á casa dos seus avós para facerlles un vídeo-retrato.  Diso trata o cinema, non é? 


Eco (Xacio Baño, 2015)



A Eco quitáronlle a voz, e condenárona a repetir o que dicían os demais. 
Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano.

17 abril, 19.00 h.



Avión, el pueblo ausente (Marcos Hervera, Maria Hervera, 2012)


Avión, Ourense; un conxunto de aldeas diseminadas entre montañas marcado no pasado pola miseria e o éxodo masivo, é hoxe emblema do trunfo económico da emigración galega a América. A maioría da xente nova de Avión abandonou a súa terra na procura dun futuro mellor. Algúns atopárono en México e hoxe regresan co obxectivo cumprido. Pero detrás dos coches de luxo e as mansións levantadas sobre as ruínas do pasado, escóndese un relato de despedidas, familias rotas e un profundo sentimento de morriña que semella non ter fin.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito