Amosando publicacións coa etiqueta Cinema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cinema. Amosar todas as publicacións

Obsesión

Inspirada en obras como Berlín Sinfonía dunha cidade, esta curtametraxe é un retrato persoal e experimental dun centro de ensino de Secundaria.  Dirección: Ela González Realización e fotografía: Ela González e Nuria Bahamonde. Guión: Ela González, Nuria Bahamonde e Sofía Esturao. Música Tarantella in D minor W.H. Squire interpretada por Ela González. 
 

Somos premio Cineduca!

ConCienciAcción polo Clima vén de ser recoñecido no certame Cineduca cun terceiro premio!

Con el podemos achegarnos  ao ciclo de produción do berberecho dende a súa extracción na ría de Noia ata a súa distribución e venda na Praza de Abastos de Compostela. Un proxecto que buscaba darlle a coñecer ao alumnado a importancia da economía circular e do consumo responsable, ao tempo que construímos unha sociedade máis xusta, solidaria e sostible.

Parabéns ao alumnado de 4º ESO, e as súas profesoras Teresa Varela (Cultura Científica) e Alexandra Pacheco (Lingua Galega), así como a Lucas Rey, José Antonio Cascudo, Roberto Rodríguez e ao alumnado de Vídeo e Son, responsables da produción técnica.

 

Se sentimos orgullo do premio acadado polo noso alumnado, non sentimos menos do magnífico discurso pronunciado por Manuel Aboal. Agradecid@s nós, Manuel, por ter alumnos coma ti que dan sentido ao noso traballo.

Falando de cinema

Unha sesión ben interesante que permitiu falar moito sobre as nosas pelis favoritas, pero tamén analizar O lapis do carpinteiro, ver como se traslada a linguaxe literaria á linguaxe cinematográfica e analizar un guión técnico. Grazas, Spencer por facernos amar o cine. 



O Apóstolo, unha historia moi propia destas datas, xa se pode ver na rede

Colle manta, acomódate no sofá e prepárate para gozar con historias de almas en pena porque Fernando Cortizo vén de facernos o mellor agasallo para estes días: subiu á rede a súa película O Apóstolo, a primeira  longametraxe en stop-motion estereoscópico de Europa, que conta no seu haber con 6 Mestre Mateo e no seu día fora nomeada aos Goya.

Pioneiras, dende Galicia para o mundo!

Orgullo do propio ao contarmos con mulleres coma Paula Cons. Orgullo, asemade, ao sabermos que somos unha potencia de primeira orde no sector audiovisual, que dende a periferia tamén se pode ser universal, que petamos forte no mundo e que, por riba, a diferenza do que ocorre no resto dos lugares e nun ámbito tan masculinizado, as produtoras executivas en Galicia son mulleres.

Rachamos moldes porque neste país de viúvas de vivos e mortos as mulleres colleron sempre as rendas e foron donas de si!

Grazas a Candela Castro pola presentación e grazas a AGAPI pola semente. 

De cicatrices e costuróns

Un experto na materia,  alumnado con gana de aprender e un equipo completísimo, velaquí os ingredientes cos que esta tarde na Biblio se xeraron cicatrices e costuróns fondos coma os que deixa a vida.

A partir de agora contamos xa cun equipo de especialistas que nos axudarán a vestir as mellores galas no Samaín. 

Grazas, Ricardo, polo teu tempo e o teu saber.  

Filmírez arranca cun Obradoiro de Efectos Especiais impartido por Spencer!

Filmírez, o club de cinema do noso centro arranca con forza! Este xoves Ricardo Spencer- autocritas na materia- guiaranos polos efectos especiais do cinema de terror. E aínda realizará para nós un Obradoiro de Efectos Especiais con maquillaxes arrepiantes.

Vémonos na Biblioteca ás 15:00h. Correrá o sangue a regos!


Un club de primeir@!

Os nosos lectores e lectoras son incansables. Velaquí unha xuntanza ben nutrida do Club Lector de Primeir@, que, guiado pola profe Violeta Pérez, fixo unha posta en común de A balada dos unicornios, de Ledicia Costas. 

E para seguir aprendendo cousas novas foron ao cinema! Proxección en Númax de Sufraxistas para os clubs de lectura e o alumnado de Igualdade. Moito se sorprenderon algunhas ao saber da loita que houbo que librar para que as mulleres adquirísemos o dereito ao voto.


I Ciclo de Cinema Galego do IES Xelmírez I

O cinema galego entra nas nosas aulas, da man do profesorado de Imaxe e Son. Contaremos coa presenza dos directores e directoras. 
Parabéns a José Antonio  Cascudo, Cristina Iglesias, Lucas Rey e Roberto Rodríguez Carballada pola iniciativa. Que haxa máis!


3 de marzo, 10.45 h

Matria (Álvaro Gago, 2018)


Un día calquera na vida de Ramona, empregada nunha conserveira da costa galega, unha muller con dificultades de comunicación no traballo, onde unha figura masculina inaccesible exerce o poder, e na súa casa, onde o seu marido, a quen tamén “serve”, lle resulta igual de infranqueable. Ramona, heroína silenciada, unha muller exhausta que encontra o seu único refuxio na complicidade da filla e da neta.


3 de marzo, 16.30 h


Encallados (Alfonso Zarauza, 2013)


Un director de cinema ten que reescribir o guión dun filme sobre o Prestige en poucas semanas. Para isto conta coa axuda de dous recoñecidos guionistas, mais o proxecto non semella avanzar como debera, pois deben enfrontarse ás presións do produtor, ao reto de non caer nos tópicos e ás dificultades de conciliar a creatividade coas posibilidades reais de producción. É entón cando se percatan de que o proceso que están vivindo ten entidade propia como historia.

10 de marzo, 10.45 h.

Hamada (Eloy Domínguez Serén, 2018)


Tres mozos saxarauis loitan pola supervivencia nun campamento de refuxiados no deserto de Alxeria, un dos lugares máis áridos do mundo. Pero os protagonistas desta historia, Zaara, Sidahmed e Taher, non falan da inxusta situación política da comunidade que habitan senón do seu día a día e dos proxectos de futuro.

16 de marzo, 19.00 h.


Tralas Luces (Sandra Sánchez, 2011)


Lourdes é unha feiranta que percorre en caravana as estradas coa súa familia, coa pista de coches de choque ás costas. Hai uns anos esa pista era o seu soño, mercala supúxolle un enorme esforzo. Pero os soños teñen vida propia, Lourdes afoga nas súas esperanzas e ninguén semella darse conta. A través de estradas que conducen a aldeas deixadas da man de Deus descubrimos un mundo en vías de extinción, a vida itinerante, e ao mesmo tempo unha historia de amor e de perdas.


24 de marzo, 10.45 h

Ser e voltar (Xacio Baño, 2014)


Un cineasta regresa á casa dos seus avós para facerlles un vídeo-retrato.  Diso trata o cinema, non é? 


Eco (Xacio Baño, 2015)



A Eco quitáronlle a voz, e condenárona a repetir o que dicían os demais. 
Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano.

17 abril, 19.00 h.



Avión, el pueblo ausente (Marcos Hervera, Maria Hervera, 2012)


Avión, Ourense; un conxunto de aldeas diseminadas entre montañas marcado no pasado pola miseria e o éxodo masivo, é hoxe emblema do trunfo económico da emigración galega a América. A maioría da xente nova de Avión abandonou a súa terra na procura dun futuro mellor. Algúns atopárono en México e hoxe regresan co obxectivo cumprido. Pero detrás dos coches de luxo e as mansións levantadas sobre as ruínas do pasado, escóndese un relato de despedidas, familias rotas e un profundo sentimento de morriña que semella non ter fin.