Amosando publicacións coa etiqueta Encontros literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros literarios. Amosar todas as publicacións

A parte fácil, antonte con Ismael Ramos

Cálida e frutuosa foi tamén desta volta a xuntanza de Palabras Compartidas. Grazas, Ismael, polo tempo e o saber. 

Agradecidas tamén a Carme Moure polas súas vitrinas.

E dende Palabras Compartidas, achegámonos a esta obra:

A. Co A de anestesia que os personaxes procuran para aturar as feridas da vida e que Sara atopa a través dunha disciplina que lle permitirá aprender a coidar do seu corpo en modo automático para poder ocupar a cabeza descifrando códigos.

E co A da amizade, da necesidade de construíla dende os alicerces, aínda que a maioría das amizades se inventan máis do que se constrúen.

 P. Co P de precariedade laboral dos que van ao traballo coma unha tribo que vai á guerra, e no que nin sequera serán personaxes secundarias. Comparten pisos de estudantes cando xa deixaron de selo e xa non saben moi ben o que son.

Pero, sobre todo, co P de precariedade emocional porque todos sofren procesos de dó e carecen das ferramentas necesarias para afrontalos. Dos seus corpos colga a casca baleira do que un día foron (ou do que desexaron ser) e precisan desfacerse dela pouco a pouco. Coma os réptiles cando mudan de pel.

 A. Co A de atmosfera conseguida nos relatos grazas a descricións moi plásticas e poéticas que incorporan sensacións visuais, olfactivas e auditivas:  “ O tráfico a esa hora era un neno aprendendo a tocar o violín”.  “Houbo unha nube de vapor e xirouse. Foi coma o bufido dun gato”.

Pero a atmosfera non é todo. O relato transcende a mera ambientación e cada historia agocha dentro de si, a modo de matrioska rusa, moitas outras historias e moitos fíos dos que cada un de nós pode tirar.

R. Co R de relato da mocidade no tempo e no lugar que lle tocou vivir, contado de xeito coral por personaxes secundarias ás que o autor consegue darlles o peso exacto: facelas reais sen que estorben.

 T. Co T de Tigre, porque o futuro é un tigre que xa nos mordeu e iso é bo porque estaremos preparados para cando volva.

E. Co E de empeño en ocultar a culpa e o fracaso, de calar cando dan no que doe porque non se debe preguntar o que resulta evidente.

 E co E de esmero na limpeza e na orde, herdado da nai, e que se repite cuase obsesivamente en todos os relatos.

 F. Co F de finais pechados en clímax ou anticlímax que coma os relatos de Dieste teñen a virtude de facer simultáneas no espíritu as imaxes que foron sucesivas. Ou ben aqueloutros que fan estoupar o conto nas palabras derradeiras despois de inzalo poderosamente, como cando a nai de Laura pregunta ante a súa filla morta “Quen lle cortou o pelo? E concentra nesa frase a dor inimaxinable que supón a perda.

A.  Co A  de ausencia da irmá morta, dos pais ausentes, da nai enferma...

Pero tamén co A de análise do que nos rodea, do aspecto das persoas que permite saber se fan a cama todos os días, pola tarde ou pola mañá, que non é o mesmo. Se arrastran os dedos sobre os cadros en busca de po ou se o forno da súa cociña está limpo por dentro. Porque a limpeza non é cuestión de cartos, senón de decencia.

 C. Co C de casas que non dan acougo, asfixiantes, incómodas, que pasan por casas pero que son prisións, coches que se converten en casas e trampas de coellos que cómpre baleirar con urxencia.

Tamén co C do cansazo que non desaparece durmindo. Algo que se arrastra a diario e vai collendo forma, adaptando o corpo ás súas demandas.

E aínda co C de crítica social, velada, pero facilmente recoñecible porque a realidade que presenta é identificable por todos nós: a explotación laboral,  a obriga de comprar leite galego, ou esas mesas que levan o mofo por fóra e por dentro e son o resultado dun investimento de ducias de miles de euros, como anuncia o cartel da Deputación.

I Co I de imposibilidade de cumprir os estándares dos pais e das nais, que comporta conflitos cun mesmo e nos leva a aparentar o que non somos coa urxencia de agradar.

Co I da independencia ansiada, que libera e fere a un tempo. Tamén co I da Identidade, anulada nas relacións laborais e mesmo nas familiares.

E mesmo co I de intimidade, blindada cun muro que nos protexe, pero que provoca unha sensación estrañamente reconfortante cando podemos acceder á dos demais, aínda que sexa roubada, coándonos seus dormitorios.

L. Co L de lazos familiares que precisamos revisar xa que nos atrapan,  a modo de tea  de araña, en relacións tóxicas das que non somos quen de saír e nas que o remorso, a culpa e os silencios ocupan un lugar preferente.

Aínda que ás veces nos sorprenden con algunha tregua, breves instantes de repouso e acubillo, que son os restos do que quedou tras a furia: un regato pequeno, un vento agradable...

Martes, en Palabras Compartidas, encontro literario con Ismael Ramos

Este martes, 25 de abril, ás 18;30 h vémonos na Biblioteca do centro para compartir palabra con Ismael Ramos, un Premio Nacional de Poesía que desta volta fai unha incursión na prosa co libro de relatos A parte fácil. Non faltes!


Navegamos con Tristán Ron

Emotiva a xornada que este martes organizou o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega para acoller a presentación de O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa, de Tristán Ron. 
Non podía ser doutro xeito xa que a obra congregou arredor de si a antigos alumnos de Vai no dentista, a alumnos actuais do club de lectura de cómic, a antigos profesores e profesoras de Tristán... A presentación da publicación, cunha lectura moi traballada, correu a cargo do escritor Adrián Noya; a música en directo interpretouna Unai de Larrínaga, ambos os dous amigos de Tristán e ex alumnos deste centro. 
Que grato velos medrar e sabelos parte do Xelmírez! 
Beizóns.  

Mércores 22, Tristán Ron presenta na Biblioteca O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa

Sabías que a Sala Nasa está ao lado do noso instituto e que pasas por diante dela todos os días? Sabías que a comezos dos anos noventa, cando aínda se respiraban os aires de liberdade da Transición e a creatividade sen par dos 80, o Grupo Chévere abre esta sala que nos ofrecerá concertos, teatro de vangarda e iniciativas culturais de todo tipo?

Achegaranos a ela un guía de luxo, Tristán Ron, que a viviu dende dentro e foi alumno do noso centro. 

Contamos contigo este mércores 22 de marzo, ás 17:30 h, na Biblioteca para a presentación de O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa. 


Tarde de libros e descubertas

 Despois dunha boa dose de intriga, amor e misterio que nos atraparon e nos fixeron gozar da lectura, poucas cousas hai que nos gusten tanto como coñecer ao creador dos nosos personaxes favoritos.

 Grazas, César, por facer todo tan fácil e por acompañarnos nesta andaina.  


Marilar Aleixandre contesta o noso cuestionario lector

 

1.     O último libro que liches...

Tierra de mujeres da poeta e veterinaria María Sánchez (2019).

    2.     O libro que mudou o teu xeito de pensar

Sexual politics, de Kate Millett (1970), que mudou a miña ollada sobre a literatura, o cine, o teatro, á arte e os seus nesgos patriarcais. Xa era feminista cando o lin, mais a partir deste libro apliquei esa ollada tamén á literatura, á arte.

    3.     Un libro que relerías

    Releo moitos, mais de escoller un Dart (2002, nome dun río) da poeta inglesa Alice Oswald. 

  4.  Un libro que recomendarías

Pecados veniais, de Nazaret López (2022) e os tres citados antes.

5.     Un dos primeiros libros que liches na escola

Na escola, o Colexio do Sagrado Corazón, Rosales, Madrid, non me mandaron ler ningún libro (os mitos de que o ensino era mellor antes son mentira) , até os 12 anos Las inquietudes de Shanti Andía, de Pío Baroja que resultou inadecuado para a miña idade. Porén, na miña casa, lía todos os libros de Celia, de Elena Fortún, onde aprendín a escribir diálogos, e mais A Ilíada e A Odisea, que lin aos 14 anos porque me interesou o resumo que viña no libro de texto e gustáronme moito.

6.     O libro que non remataches de ler

Algún que outro... mais pode deberse ao momento. Neste momento non lembro algún específico.

7.     A autora ou o autor do que máis libros tes

Varias autoras e autores dos que teño todo o que publicaron: Pilar Pallarés, Alice Oswald (contemporáneas), Sylvia Plath (volume coas poesías completas e textos narrativos), Paul Celan (obra completa), de poesía; de narrativa Eudora Welty (volume de relatos e máis novelas), Isak Dinesen.

8.     Un libro que esteas a ler

El amanecer de todo: una nueva historia de la humanidad, David Graeber e David Wengrow (2022). Fascinante.

9.     Un libro que levas tempo querendo ler

Ninguén queda, de Brais Lamela (2022), intentei mercalo un par de veces e non lles quedaban na libraría. Lereino.

10. Que cita literaria che gustaría compartir

Everything we write

will be used against us

or against those we love

(Adrienne Rich)

                Moitas grazas, Marilar.

Arrancamos con forza: o martes encontro literario con Marilar Aleixandre e catro clubs de lectura!

Se o Nadal convida á lectura, a volta ás aulas é o momento propicio para comentar as impresións que nos achegaron os libros. Así o faremos este martes na Biblioteca con catro clubs de lectura e un encontro literario con Marilar Aleixandre. 

 


As malas mulleres, en Palabras Compartidas

Literatura da boa, feminista, galega e Premio Nacional de Literatura. Teremos, ademais, a sorte de contar coa súa autora. Á volta do Nadal agardámoste na Biblioteca.



Hoxe foi tarde de encontro literario

Hoxe os 15 Xelmilectorxs de 3º ESO intercambiaron impresións de lectura co autor de O país dos raposos, o noso benquerido Adrián Noia, que visita por segunda vez neste curso a Biblioteca do centro. Algúns dos seus antigos profesores tampouco quixeron perder o encontro.

Grazas a Inés Ramil polo precioso debuxo que lle fixo mentres el falaba e que lle regalamos ao final da sesión.

Os Xelmilectorxs volverán xuntarse o 10 de xaneiro arredor doutra obra de autoría galega, neste caso O derradeiro libro de Emma Olsen, ogallá nos poida acompañar Berta Dávila. 


 



Compartimos palabra con Juan Tallón

Divertida e magnífica sesión con Juan Tallón. Grazas, Juan, agardámoste na próxima obra!

 

Achegámonos a Obra maestra: 

 Co O dunha obsesión que comeza para o autor no 2009, despois de visitar o Reina Sofía con César Aira e que o leva a desenvolver un exhaustivo labor de documentación durante 10 anos ata dar coa clave para poder contar uns feitos reais e que estes parezan unha novela. Un proceso duro, porque algúns proxectos non saen á primeira, nin á terceira senón á última e  que- coma no amor- ten fases de entusiasmo e de decadencia.

Co B de boquete que se abre na fachada do museo para facer pasar a escultura de Serra coa pluma dunha grúa e tamén co B de boca aberta que nos queda ao entrarmos no porto franco de Ginebra e ver que alberga máis dun millón de obras de arte dun valor tan incalculable que non disporiamos dun papel suficientemente ancho para escribir todos os ceros. Arte para non ver, senón para evadir impostos, da que algúns privilexiados aos que lles gusta ter relación periódica coas súas obras poden gozar, viaxando a Suíza 3 ou 4 veces ao ano e alugando unha sala de observación para poder desfrutar dalgunha delas.

E co B da burocratización que esmaga e serve a intereses espúreos.

Co R de reportaxe mesturado habilmente nestas páxinas coa ficción, sen sabermos onde acaba unha e onde comeza outra, pero que non impide que o interese polos feitos narrados se manteña constante.

Co A  de arte contemporánea e da súa fugacidade que fai que unha obra creada para un momento e un espazo determinado fóra de aí perda a súa forza, o seu sentido, a súa natureza e xa non sexa a mesma obra polo que acaba destruíndose, malia custar cantidades inxentes de diñeiro público.

Co A de artístico, cuxo poder reside unicamente na idea, polo que a réplica segue sendo obra orixinal aínda que se execute por segunda vez.

 E co A do arte pública, incomprendida pola maioría,  co que unha España que estrea democracia tenta crear un modelo de urbanismo, porque un barrio para sentirse barrio ten que dispoñer dun elemento representativo que o aglutine, e para iso tráese un artista de Nova Iorque, aínda que a praza tivese unha palmeira centenaria e a cheminea dunha vella fábrica.

 Co M das múltiples lecturas dos feitos que nos ofrecen as voces dos 73 personaxes que poboan estas páxinas. Porque, tal como afirma Serra,  a propósito das súas obras: “Como dende calquera punto de vista só se ve unha parte da obra, tes que camiñar, mirar, anticipar e recordar”

 Un esquema narrativo moi ambicioso que lle permite ao autor contar e descontar, xogar co lector e permitir que este extraia as súas propias conclusións sobre o mundo da arte, pero tamén da xustiza, da Seguridade Social, da política, da ética xornalística ou da relación que establece a Administración coa cidadanía.

 Realizado cunha prosa exenta de florituras e baixo a que se adiviña o oficio xornalístico do autor.

Co A dunha Administración española á que se lle escapa o terceiromundismo por todas as partes e que é quen de pedirlle patriotismo a Macarrón mentres o leva á ruína, sen adoptar ningún tipo de autocrítica nin depurar responsabilidades.

Co E de escultura que se converte nun personaxe máis- ou mesmo no principal- ausente pero presente en toda a obra, e fío condutor da trama. Ao seu redor xira un carrusel de personaxes variopintos, pertencentes a todas as esferas sociais, trazados polo autor cunha mestría que os fai verosímiles e que acada cotas superiores nalgúns casos coma no de Nekane Aperribai ou a caricaturesca Ana Sucunza, que pensa coma unha máquina e lle gusta traballar na institución porque é fría e non ten sentimentos.

Pero tamén co E de esperpento co que Tallón revisa a sociedade dos anos 80, acabada de saír do franquismo e disposta a pagar calquera prezo por ser moderna, aínda que os seus representantes políticos non teñan moi claro o concepto de modernidade.

 Co  S de Serra do que tantas cousas aprendemos nesta obra e que non cre na beleza da arte senón no seu poder para facernos pensar, para facernos cambiar o significado a través da percepción  e  non a través da beleza.

E aínda co S de sorriso cómplice, cando non aberta gargallada, que  a ironía do autor nos arrinca en moitas ocasións e que está presente xa dende o título da obra.

Co T de thriller que nos mantén en suspenso ata o final e deixa o misterio sen resolver porque a solución do misterio é sempre inferior ao misterio. O misterio participa do sobrenatural, e aínda do divino, a solución, do xogo de mans.

 Tamén co T da teimosía que leva o autor a non ceder ante as inxustizas da xustiza para poder acceder á causa xudicial que lle permita poñer fin á súa obsesión.

 Co R das múltiples referencias literarias que van inzando de boa literatura as páxinas da novela, aínda que César Aira defenda que o mundo está cheo de bos libros e que o importante é que haxa un libro máis, pero tamén coas referencias musicais e cinematográficas que supoñemos nos achegan ao universo do autor.

 E finalmente co A da alegría que nos dá volver a recibir a Tallón neste club, que vai medrando ano a ano e que hoxe lle dá a benvida a Antonio, a Esther, a Kelli e a Teresa.

Beizóns a todos eles e longa vida!