
As xuntanzas de Palabras Compartidas nunca defraudan e, aínda que a imaxe non dá conta de todas as persoas asistentes, o grupo segue a medrar. Grazas, Marilar, por compartires connosco o teu tempo, e benvida, Nuria, que sigas moito tempo entre nós!
Achegámonos ás
Malas mulleres:
A- Co A de Arenal, a
Visitadora do cárcere de Galeras. As súas medidas humanizadoras espertan o
anoxo do alcaide porque é unha indignidade que unha muller ande axexando.
O seu cese
conlevará a eliminación do cargo, xa que a xustiza é un morcego esquivo e aínda
que unha crea que está danzando ao ritmo que lle marcamos, subitamente enxamea,
muda de rumbo no luscofusco sen que
poidamos enxergalo.
S- Co S de Sisca coprotagonista desta historia. No cárcere fala pouco porque
as palabras dunha muller valen pouco e as dunha presa nada. A súa desgraza
persoal vén determinada pola orixe social,
xa que o pan da xustiza debería estar amasado con fariña, mais nel agóchanse
vermes.
Non quere levar a vida de súa
nai, como se iso dependese da súa vontade e non do destino que a cada unha lle
escriben na fronte ao nacer.
M- Co M de memoria porque hai que mirar cara atrás para poder saber quen
somos e de onde vimos, para entender o presente e derrubar aínda rémoras do
pasado que quedaron no camiño.
Pero a memoria
tamén cómpre neste caso para darlle voz a todas as mulleres marxinadas,
relegadas, caladas á forza e ignoradas pola historia.
A- Co A de afouteza que
caracteriza a Juana de Vega e que fai que caia e se erga unha e outra vez. Ela
que sempre chama as cousas polo seu nome non dubida en recorrer ao ministro ou
mesmo á raíña para defender os dereitos das persoas máis desfavorecidas.
L - Co L de lingua, coidada con esmero
nesta obra. Pero tamén co L de lectura que pode conceder
autonomía ás mulleres, nunha sociedade na que se está a debater se a educación
da muller é un elemento necesario para a prosperidade dunha nación. Na que se
alega que as mulleres intelectuais son seres monstrosos con trazos masculinos e
femininos. E onde o discurso dominante nos medios de comunicación reitera que
ensinar a ler e a escribir as mulleres pode levalas á súa perdición.
A- Co A de aborto que sega a vida das
mulleres ante a indiferenza dos homes porque eles non pensan niso, son máis
fortes e ás mulleres só lles queda aturar e calar.
Tamén co A da
amargura inmensa ao ventar a morte cada vez que acompañamos a Sisca e a súa nai
á carnicería.
S – Co S de Sociedade da Madalena na
que mulleres da alta sociedade local se achegan ao cárcere para ensinar a ler
ás presas, ata que se lles prohibe facelo, porque o sitio das mulleres é estar
dentro das súas casas, no canto de axexar o que ocorre en lugares inmudos coma
orfanatos, hospicios ou cárceres.
M- Co M de malas mulleres que están no
cárcere por roubar pan para os fillos ou por botar man duns poucos céntimos,
dun puñado de fabas, unha casa onde sobraban
e na que se lle pagaba unha miseria por servir de criada... Mulleres
sometidas á incomprensión e a un trato inhumano. Ocultas polos muros do
silencio.
U- Co U da Universidade que non
recoñeceu os estudos de Concepción Arenal, polo simple feito de ser muller, sen
ter en conta a súa capacidade nin a súa valía. Un dereito polo que terán que
agardar ata a primeira década do séc. XX as mulleres que pretendan formarse.
L- Co L de Licenciadas, como se lles chama ás presas que cumpriron a súa
condena, igual ca se cursasen estudos académicos. Licenciadas vidreira, que
poden escachar en calquera momento e volver para dentro esnaquizadas. E ás que
Juana e Concepción tentan darlles unha formación que permita unha supervivencia
digna e unha reinserción social.
L- co L de Literatura porque a obra
incorpora sabiamente un diálogo con textos literarios do Rexurdimento nos que
muller e lingua son elementos centrais. Feijoo, Murguía, Pondal, El Álbum de la
Caridad e, por suposto, Rosalía, peza clave no movemento feminista que se está
a fraguar na época e que con tanta mestría ten denunciado as situacións de
abuso e indefensión sufridas polas mulleres.
E aínda co L de loba, daquelas que se rebelan e
deciden tomar a xustiza pola man, rachando as cadeas mesmo a custo de vivir
fóra da lei.
E- Co E de esperanza, porque malia todo, a novela deixa un camiño aberto á
esperanza nun futuro mellor que está a sentar os seus alicerces. Concha,
convertida en vedoira enxerga nas mulleres do futuro a resistencia ás
mutilacións físicas, á desaparición do xustillo, á negativa ás mutilacións
morais... E porque debaixo de desterrida debería figurar “non perdas a
esperanza”.
R- Co R de rigor
documental que consegue dar vida a uns personaxes históricos e teletransportarnos
á sociedade coruñesa da época. Pero tamén co R de resiliencia porque todas as
mulleres que poboan estas páxinas son quen de resistir os duros embates da vida
e de arrepoñerse ao seu destino.
E- Co E de Educación que
foi e segue sendo –dentro e fóra do cárcere-
a chave de ouro que abre a porta da liberdade.
S- Co S de sororidade, das
mans femininas que se axudan entre si para amortiguar o trato animalizado ao
que se ven sometidas.
Tamén da túa sororidade, Marilar, ao recuperar a
memoria destas mulleres que deberían ter máis centralidade nos nosos espazos
públicos e nos nosos currículums. Grazas polo amor co que teceches os fíos
desta historia, grazas por facelo en galego e grazas por acompañarnos esta
tarde.