Ir al contenido principal

Falando de Malas mulleres...

 

As xuntanzas de Palabras Compartidas nunca defraudan e, aínda que a imaxe non dá conta de todas as persoas asistentes, o grupo segue a medrar. Grazas, Marilar, por compartires connosco o teu tempo, e benvida, Nuria, que sigas moito tempo entre nós! 


Achegámonos ás Malas mulleres:

A- Co A de Arenal, a Visitadora do cárcere de Galeras. As súas medidas humanizadoras espertan o anoxo do alcaide porque é unha indignidade que unha muller ande axexando.

O seu cese conlevará a eliminación do cargo, xa que a xustiza é un morcego esquivo e aínda que unha crea que está danzando ao ritmo que lle marcamos, subitamente enxamea, muda de rumbo no luscofusco sen  que poidamos enxergalo.

S- Co S de Sisca coprotagonista desta historia. No cárcere fala pouco porque as palabras dunha muller valen pouco e as dunha presa nada. A súa desgraza persoal vén determinada pola orixe social,  xa que o pan da xustiza debería estar amasado con fariña, mais nel agóchanse vermes.

Non quere levar a vida de súa nai, como se iso dependese da súa vontade e non do destino que a cada unha lle escriben na fronte ao nacer.

M- Co M de memoria porque hai que mirar cara atrás para poder saber quen somos e de onde vimos, para entender o presente e derrubar aínda rémoras do pasado que quedaron no camiño. 

Pero a memoria tamén cómpre neste caso para darlle voz a todas as mulleres marxinadas, relegadas, caladas á forza e ignoradas pola historia.

A- Co A de afouteza que caracteriza a Juana de Vega e que fai que caia e se erga unha e outra vez. Ela que sempre chama as cousas polo seu nome non dubida en recorrer ao ministro ou mesmo á raíña para defender os dereitos das persoas máis desfavorecidas.

L - Co L de lingua, coidada con esmero nesta obra. Pero tamén co L de lectura que pode conceder autonomía ás mulleres, nunha sociedade na que se está a debater se a educación da muller é un elemento necesario para a prosperidade dunha nación. Na que se alega que as mulleres intelectuais son seres monstrosos con trazos masculinos e femininos. E onde o discurso dominante nos medios de comunicación reitera que ensinar a ler e a escribir as mulleres pode levalas á súa perdición.

A- Co A de aborto que sega a vida das mulleres ante a indiferenza dos homes porque eles non pensan niso, son máis fortes e ás mulleres só lles queda aturar e calar.

Tamén co A da amargura inmensa ao ventar a morte cada vez que acompañamos a Sisca e a súa nai á carnicería.

S – Co S de Sociedade da Madalena na que mulleres da alta sociedade local se achegan ao cárcere para ensinar a ler ás presas, ata que se lles prohibe facelo, porque o sitio das mulleres é estar dentro das súas casas, no canto de axexar o que ocorre en lugares inmudos coma orfanatos, hospicios ou cárceres.

M- Co M de malas mulleres que están no cárcere por roubar pan para os fillos ou por botar man duns poucos céntimos, dun puñado de fabas, unha casa onde sobraban  e na que se lle pagaba unha miseria por servir de criada... Mulleres sometidas á incomprensión e a un trato inhumano. Ocultas polos muros do silencio.

U- Co U da Universidade que non recoñeceu os estudos de Concepción Arenal, polo simple feito de ser muller, sen ter en conta a súa capacidade nin a súa valía. Un dereito polo que terán que agardar ata a primeira década do séc. XX as mulleres que pretendan formarse.

L- Co L de Licenciadas, como se lles chama ás presas que cumpriron a súa condena, igual ca se cursasen estudos académicos. Licenciadas vidreira, que poden escachar en calquera momento e volver para dentro esnaquizadas. E ás que Juana e Concepción tentan darlles unha formación que permita unha supervivencia digna e unha reinserción social.

L- co L  de Literatura porque a obra incorpora sabiamente un diálogo con textos literarios do Rexurdimento nos que muller e lingua son elementos centrais. Feijoo, Murguía, Pondal, El Álbum de la Caridad e, por suposto, Rosalía, peza clave no movemento feminista que se está a fraguar na época e que con tanta mestría ten denunciado as situacións de abuso e indefensión sufridas polas mulleres.  

E aínda co L de loba, daquelas que se rebelan e deciden tomar a xustiza pola man, rachando as cadeas mesmo a custo de vivir fóra da lei.

E- Co E de esperanza, porque malia todo, a novela deixa un camiño aberto á esperanza nun futuro mellor que está a sentar os seus alicerces. Concha, convertida en vedoira enxerga nas mulleres do futuro a resistencia ás mutilacións físicas, á desaparición do xustillo, á negativa ás mutilacións morais... E porque debaixo de desterrida debería figurar “non perdas a esperanza”.

R- Co R de rigor documental que consegue dar vida a uns personaxes históricos e teletransportarnos á sociedade coruñesa da época. Pero tamén co R de resiliencia porque todas as mulleres que poboan estas páxinas son quen de resistir os duros embates da vida e de arrepoñerse ao seu destino.

E- Co E de Educación que foi e segue sendo –dentro e fóra do cárcere-  a chave de ouro que abre a porta da liberdade.

 S- Co S de sororidade, das mans femininas que se axudan entre si para amortiguar o trato animalizado ao que se ven sometidas.

Tamén da túa sororidade, Marilar, ao recuperar a memoria destas mulleres que deberían ter máis centralidade nos nosos espazos públicos e nos nosos currículums. Grazas polo amor co que teceches os fíos desta historia, grazas por facelo en galego e grazas por acompañarnos esta tarde.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito