Ir al contenido principal

LeF: Actuacións Previstas

 

  • Deseño no noso blog dunha pestana específica para acoller as actuacións deseñadas para as familias.
  1. Bookfacefriday en familia. Sumarémonos ao Bookfacefriday, a actividade posta en marcha no 2014 pola Biblioteca Pública de New York para estimular a lectura e que se ten convertido a estas alturas en todo un movemento literario. Consideramos que esta iniciativa convida os lectores e lectoras a divertirse coa lectura e a ser creativos/as.  Ademais, como non é fácil atopar un exemplar co que posar, obriga a ver libros que noutras circunstancias non se coñecerían. Un bo #bookface espertará a curiosidade polo libro e a súa lectura.  

  2. Story cubes: nove dados con cincuenta imaxes que as persoas que xogan terán que enlazar para crear historias. Cada mes realizarase unha tirada cos dados que se subirá ás nosas redes sociais (Instagram, Facebook e blog da biblioteca). Convocarase un concurso de microrrelatos para que as familias e o alumnado envíen a súa historia.  

    Procurarase empregar este recurso tamén nos clubs de lectura e nas lecturas de aula como complemento que permite crear dinámicas de interacción coa obra literaria.  

  3. Barallas literarias: escritoras galegas, banda deseñada, novidades... Realizaranse barallas literarias que permitan asociar o nome do autor/a coa súa obra. Poderán empregarse durante o recreo na Biblioteca ou ben levala á casa para xogar en familia. 

  4. E ti de quen vés sendo? Aproveitando as campañas periódicas de reparto de froita, repartiranse roliños con citas literarias das que cómpre descubrir a autoría e o título da obra á que pertencen.   
  5. Os libros favoritos da familia... Que grao de coñecemento ten o alumnado das lecturas favoritas da súa familia? A actividade comezará coa realización dun cuestionario na aula. Posteriormente as familias gravarán un vídeo no que dean conta da súa lectura favorita. Na pantalla irán aparecendo simultaneamente as respostas sinaladas polo seu fillo ou filla para ver se coinciden ou non. Trátase de que as familias recomenden as súas lecturas favoritas, pero tamén de que se fale nas casas de libros e gustos lectores. A actividade pode ter unha variante: realización de lecturas simultáneas entre os distintos membros da familia e realización dun vídeo respondendo a un cuestionario común sen que uns coñezan as respostas dos outros. 

  6. Novidades editoriais galegas. Recomendación, por parte da biblioteca, dunha novidade editorial escrita en lingua galega.  As familias poden formular preguntas ou comentarios que a biblioteca lle achegará á autora ou autor para que os responda. A actividade realizarase con periodicidade mensual.

  7. Ampliación do carné da biblioteca a aquelas familias que o soliciten 

  8. Cuestionario lector para familias, profesorado e alumnado. Subiranse mensualmente ao blog preguntas que dean conta dos gustos literarios da comunidade educativa (En que personaxe de novela te converterías e por que? Que animal dun libro quererías ter de mascota? Que libro liches máis dunha vez? Que lectura te atrapou tanto que non podías parar de ler...). 

  9. Charlas das familias sobre distintos aspectos relacionados co proxecto Tecendo Identidade(s). Dende a biblioteca estamos tentando desenvolver un PDI centrado na identidade, farase unha selección daquelas nais e pais que pola súa profesión poidan facer achegas ao proxecto e convidaranse a colaborar. 

  10. Club de lectura de adultos Palabras Compartidas. Continuidade da actividade iniciada hai oito anos e destinada a familias, profesorado e persoal non docente.  A próxima xuntanza terá lugar o 18 de xaneiro coa asistencia do premio nacional de literatura Xesús Fraga. 

  11. Carteis de novidades literarias, realizados con códigos QR que se expoñen no centro e que se subirán ao blog e a Instagram.  Dípticos con recomendacións lectoras, especialmente nas épocas previas aos períodos vacacionais, co fin de guiar o alumnado nas súas lecturas, pero tamén de orientar as familias na compra de agasallos de calidade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito