Amosando publicacións coa etiqueta Concursos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concursos. Amosar todas as publicacións

RadioClic! - 2023/2024

RadioClic! ten un sitio web propio no que se poden seguir todos os pasos dados para desenvolver os proxectos da radio da biblioteca durante o curso académico 2023-2024, incluída a proposta final.


Durante ese curso académico, participaron na radio na Biblio os departamentos de Alemán, Artes plásticas, Castelán, Economía, Educación física, Filosofía, FOL, Francés, Galego, Imaxe e son, Informática, Inglés, Música, Relixión católica, Tecnoloxía e Xeografía e historia, así como o 42,2% do alumnado do instituto. 

Botádelle unha ollada seleccionando a imaxe!


Grazas e parabéns ao alumnado, ao auxiliar de conversa, Paul, e máis ao profesorado participante!





Concurso Internacional de Leitura

Algúns momentos da fase previa do Concurso Internacional de Leitura em Português, organizado polo Instituto Camões, e celebrado hoxe na Biblioteca do noso centro. Parabéns ás gañadoras: Lupe Otero, de 3º ESO, e Erea Vidal, de 1º Bacharelato. Moi agradecidas co “iuri”, especialmente á profesora Isabel Morán, que se trasladou ata o noso centro para participar da selección.

Certame Respira, convocado polo teu Concello. Participa!

Gústache a poesía? O festival de poesía organizado polo Concello de Santiago conta nesta edición cun certame literario. Participa!

Tema: cambio de clima e legados culturais da vida

Poema: mínimo 14 versos e máximo 55 

Prazo: 16 de febreiro

Premios: ESO 300 €. Bacharelato e Ciclos Formativos 1º grao 400€

 Premio Respira! by Biblioteca Xelmírez I on Scribd 

XVIII Concurso Literario de Relato Curto e Poesía, participa!


 

HOMENAXE A RITA SUÁREZ AMADO

XVIII CONCURSO LITERARIO DE RELATO CURTO E POESÍA

BASES

- Poderá participar todo o alumnado da ESO, Bacharelato e FP que o desexe. As bases serán publicadas na web do instituto e será comunicado a todos os centros da Comunidade Autónoma.

  - Estableceranse tres niveis de participación:

            I.-   1º e 2º de ESO.

            II.-  3º e 4º de ESO.

            III.- Bacharelato.

  - As obras poderán vir redactadas en Lingua Galega ou en Lingua Castelá.

  - O tema será de libre elección polo autor/a. Os relatos ou os poemas deberán ser orixinais na súa totalidade, rigorosamente inéditos. Así mesmo establécese que non poderán ter sido premiados nin seleccionados nun concurso literario anterior e igualmente que unha mesma persoa non pode obter dous premios.

- Nos traballos presentados non constará o nome ou identificación do autor/a, e asinaranse con pseudónimo. Presentaranse  nun sobre grande pechado en cuxo exterior figurará o título da obra, a categoría na que concursa (relato curto ou poesía), nivel de participación (I, II, III) e o pseudónimo. No interior do sobre grande, introducirase outro máis pequeno pechado que conterá  unha nota cos datos seguintes: título do relato ou poema, nome, apelidos, curso, centro, domicilio e teléfono do autor/a e unha dirección de correo electrónico.

- Os relatos ou as poesías presentaranse en follas de formato DIN A4 escritas a unha soa face, a dobre espazo e como tipo de letra a Times New Roman 12. As obras non deberán exceder os cinco folios. O Xurado resérvase, dunha banda, o dereito a admitir aqueles escritos que  excedan lixeiramente a extensión citada, e doutra, o dereito  a corrixir aquelas cuestións de ortografía que non se ateñan ás normas académicas correspondentes (RAE para o idioma castelán, RAG para o idioma galego).

- Aceptarase só un máximo de dous traballos por autor/a en cada categoría (relato curto ou poesía).

-  A entrega de premios realizarase no Acto-Homenaxe a Rita que terá lugar o 17 de marzo de 2023,  no IES Eusebio da Guarda.

- O prazo de admisión dos orixinais finalizará o venres día 16 de febreiro de 2023. A entrega das obras farase directamente na Conserxería do IES Eusebio da Guarda ou por correo á dirección: IES Eusebio da Guarda: Pza. de Pontevedra 20, 15003-A Coruña, especificando “Concurso Literario Rita Suárez Amado”. Só se admitirán os traballos recibidos no Instituto ata o día 16 (incluído o 16, xoves), o cal deberá ser tido en conta por aqueles participantes que non os entreguen directamente na Conserxería.

 10ª - A Comisión Organizadora formada por  Dona Isabel Ruso de Lago, Dona Benigna Vidal Tomé e Dona Mª Teresa Fraga Cisneros (IES P. Eusebio da Guarda) designará un Xurado Cualificador que será quen decida sobre calquera dúbida que poidan orixinar estas BASES, sendo o seu fallo inapelable.

 11ª -  O fallo do  concurso farase público no acto de entrega de premios da XVIII edición (data por determinar).  A Comisión Organizadora resérvase o dereito da publicación dos traballos presentados. Os premiados/as comprométense a entregar as obras  por medio do correo electrónico, á organización con vistas á súa futura publicación.

 12ª - Os relatos ou poesías orixinais devolveranse a todos os autores/as que o soliciten, nun prazo non superior a tres meses desde a data da votación e comunicación dos resultados. Transcorrido dito tempo, os traballos que non foran reclamados non se devolverán.

 13ª - A participación neste Concurso significa a plena aceptación destas Bases e do fallo do xurado.

Para calquera información adicional deberanse dirixir á Vicedirectora, Dª Mª Teresa Fraga Cisneros (881-960060/61 // correo electrónico ies.eusebio.guarda@edu.xunta.es).

Páxina Web: http://www.eusebiodaguarda.com/

 

II Concurso Nacional de Podcast Escolar de RNE

Agora que imos comezar a traballar coa radio e, dado que en breve seredes xa uns excelentes locutores e locutoras radiofónicos, animádevos a participar no II Concurso de Podcast Escolar, convocado por RNE. 

Consulta aquí as bases completas

Plazo de presentación: 30 de abril

Presentación: la participación se realiza mediante la presentación de un archivo de audio (podcast) que puede tener formato de programa, informativo, reportaje, documental o ficción sonora (cuentos, fábulas, recreaciones históricas...). Puede ser real o inventado, serio o divertido; grabado en directo o con postproducción, con una duración máxima de 5 minutos y en castellano

Premios:
  • La visita de un equipo de RNE al colegio ganador en cada categoría para la grabación/emisión de un programa de radio de emisión nacional.
  • 1 año de plataforma gratuita en Eloquenze.com
  • Un lote de productos de RTVE.

 

Certame de relato curto convocado pola EGAP


Se tes entre 12 e 14 anos e che gusta escribir, non o penses e participa no concurso convocado pola EGAP e dotado con substanciosos premios.

Consulta as bases completas. 

 

 

 


XXXV Certame de Poesía, María Soliño


Bases do XXXV Certame de Poesía María Soliño

En colaboración coa Biblioteca do I.E.S. Mª Soliño

1. Haberá dúas categorías:

A-Para alumnado de primeiro e segundo ciclo de E.S.O.

B-Para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e Ciclos de grao medio.

 2. Concederanse tres premios na categoría A

-Primeiro premio-150 euros.

-Segundo premio- 75 euros.

-Terceiro premio- 50 euros.

3. Concederanse dous premios na categoría B

-Primeiro premio-200 euros.

-Segundo premio- 125 euros.

 4. Os poemas deberán estar escritos en lingua galega.

5. Cada participante presentará un mínimo de tres poemas, e un máximo de cinco.

 6. Presentaranse tres copias, mecanografadas, dos poemas.

7. Remitiranse ó I.E.S. María Soliño (Monte Carrasco, nº 14 / 36940 CANGAS) nun sobre no que constará unicamente un seudónimo e a categoría á que pertence. Dentro dese sobre introduciranse os poemas e unha plica cos seguintes datos: nome, enderezo, teléfono,centro no que cursa estudos e certificado de estar matriculado no centro.

8. Realizarase unha publicación cos poemas gañadores, da que a organización se reserva todos os dereitos.

 9. O prazo de entrega rematará o día 11 de Xuño.

 10. A composición do xurado e o seu fallo faranse públicos no acto da entrega de premios, que terá lugar o 21 de Xuño no IES María Soliño, acto ao que se comprometen a asistir as persoas premiadas.

Cangas, 11 de maio de 2021

Dillo a quen maltrata

 

 


A oficina de Igualdade do Concello de Lalín convoca a XVII edición do concurso de cartas "Dillo a quen maltrata" e a VIII  do “Concurso de Tuits contra a Violencia de Xénero ”.

Anímate a participar e une a túa voz contra o maltrato!

Consulta aquí as bases para o concurso de Cartas/ Chíos 

 Recorda que o prazo remata o 5 de novembro

 Concurso de cartas:

1º premio: Tablet Android 10,1” 32 GB

2º premio: Tablet Android 7” 8 GB

3º premio: Lector de libros multimedia 7” 4 GB

 Concurso de Chíos: 

Tablet Android 32GB 10.1” e un diploma acreditativo

 

Querido papá:

Sabes que sempre fun a pequena, a forte, a insistente, aquela que construíu un camiño de ansiedade ó redor dos teus pasos, un camiño redondo, para que te perdeses, para que non saíses dese círculo de inverno, para que non foses quen de volver a casa, para que nos deixases en paz, a min, ás miñas irmás e, sobre todo, a mamá, a esa mamá silenciosa, á mamá que nunca dixo nada, á que calou para sempre ante os teus berros, ante cada frase de golpes, ante cada manifestación da túa impotencia, ante cada puño, contra toda a ira, baixo o viño, contra a túa paixón por non dialogar, por non dicir nada que os teus cotelos puidesen resumir.

Ti sempre fuches pequeno, amortecido, constrinxido pola repetitiva aliteración de movementos automatizados naquela enorme fábrica de coches, un traballo antipersoa de seis a dous, a comida lista a e media, a partida no bar ás tres, catro coñacs antes das cinco e cantabas vinte, logo corenta, dez de últimas contra a seis. "Ogallá gañe", pensabamos todas cheas de medo; pero tanto tiña. O son do teu seiscentos presaxiaba a tormenta, o renxer airado do portal metálico, lóstregos de carraxe nas túas pupilas, un trebón de silencio antes da choiva, e logo ti, ti sen escusas, ti sen fundamento, ti sen límite establecido, unha riada de ti bañada en ti, mesturada en alcol, inmensurable, incontrolable, ti.

Aínda hoxe, non podo crer que que os veciños non nos oíran, que as árbores non nos oíran, que o tanguer da campá non se eclipsase ante o fedor a culpa, que a insistente brétema vermella dos ollos de mamá non alzase preguntas na igrexa, que  o cura non cuestionase, que ninguén movese un dedo máis que para pousalo nos beizos dos nenos, no corazón da conciencia, no botón de borrar o baleiro da besta.

Non o podo crer, non podo crer que os teus amigos che compartisen baralla, que o rei de bastos non vomitase, que a sota que tanto che repugna non che cuspise, que o cabalo obedecese as túas ordes de saltar á mesa. Se cadra quería fuxir, coma min. Quizais ese cabalo e mais eu fomos os únicos que pensamos en facelo, eu polas espadas, ti quedarías nas copas, afogado no tinto do noso sangue, no vinho verde da nosa bile, no branco manchado do “que dirán”.

Quérote papá, a pesar de todo quérote, como te queren as túas outras fillas, ou mellor, como te queren as túas esposas, esa de carne a quen maltratabas e as outras de metal, as que che obrigan agora a xuntar as mans para subir ó coche patrulla, imaxinarei que para pedir perdón, imaxinarei que acepto as túas desculpas. Todas te queremos, papá, e que vivises foi a nosa decisión, soportarte foi a nosa decisión, pero non a das nosas fillas. Non podemos pasarlle esa herdanza. Non queremos a túa herdanza, papá. Querémoste a ti, a onde queira que vaias.

Adeus Papá

Francisco Javier Fernández Gañador do concurso Dillo a quen maltrata, 2017