
Annie Ernaux, gañadora
do Premio Nobel de Literatura 2022, afirmaba nunha entrevista que “A
contraposición entre ficción e realidade é un falso problema, o importante é
escribir a verdade” e “que non importa a forma, ficción, non ficción,
autobiografía…O crucial é a verdade”. E de verdade trata a ópera prima de
Adrián, que presento cun pequeno acróstioc, xogando co nome do autor.
Co A de Adrián, primeiro Agradecemento, por pensar en nós, esta
que foi e é a súa casa, o Xelmírez I, para a presentación da súa primeira
novela, O país dos raposos, galardonada co 2º Premio da Xuventude Crea
2021 na categoría “Novela Curta”. Logo, e seguindo co A, dubidei entre Alerta,
Alarma e Ameaza, porque o país dos raposos é todo isto, pero vou quedar
coa última, con Ameaza, pois resulta imposible ler a novela e non sentir unha
sorte de corda ameazante ao pescozo. Ameazada a democracia, que se ve débil e
defectuosa, ameazada a liberdade e a disidencia, ameazada a vida pola que o
fascismo, ese do que xa dixo Orwell que viría camuflado coa bandeira da
liberdade, se infiltra borrando a memoria do que un día foi e pode volver ser.
Pero non quería abandonar o A, así dun xeito tan pesimista e propoño outro
termo, Activismo, porque ser activista é saber resistir e diso, o
personaxe de Nerón (e Adrián) tamén saben.
Co D, Distopía,
evidente nesta primeira incursión narrativa do autor, xa que a sociedade que
retrata no país de Vulpania non é real, por agora … polo que entón ao mellor
deberíamos falar de profecía. Ou unha Distopía profética ou unha Profecía
distópica…Non sei se estarei liando moito o novelo, Adrián! Mellor queda para o
coloquio. En calquera caso, o que se retrata arrepía, mete o medo no corpo e
concibe un escenario aterrador, pero non é imposible…e neste país sabémolo ben
porque xa o vivimos. O que queda, quizais, como di Margaret Atwood, mestra
nisto da distopía, é crear unha utopía que nos axude a imaxinar como salvar
o mundo.
Co R poderían
ser moitas. Aquí tiven máis difícil a escolla. Rebelión, Resistencia, ou
Reencontro (este, o de hoxe ou o do bar do libro, onde Nerón toma unhas
copas con Paulo e Catarina para celebrar a vida). Pero voume quedar con ROSALÍA
(de Castro), porque ela abre e pecha O país dos raposos, porque eses que
fixeron un leito de toxos e silvas e tranquilos nun leito de rosas durmían
son os mesmos que prentenden vencer, matar e triunfar (“o raposo vencerá”, “o
raposo matará”, “o raposo triunfará”). Máis Rosalía está tamén nas sombras,
negras, que percorren a obra e que asombran, fan mofa e en todo están.
Co I, unha
tríade formada por Intelixencia, Ilusión e Incredulidade. Intelixencia, a de
Adrián. por artellar un relato tan digno sendo tan novo (certo é que non es o
primeiro, cos mesmos anos, Mary Shelley escribiu Frankenstein); Ilusión, a
miña, a nosa, por que o fagas en galego, pois como di Manuel Rivas, tamén
querido por ti “Na terra escondida/Fálase unha lingua/que chove cos pés
descalzos” eu engadiría por agora e cada vez menos, pero quedemos cos versos do
poeta…e Incredulidade, tamén a miña, a nosa, porque non creo/cremos nada iso
que dis de que “nunca pensei que chegaría ata aquí sen esforzo nin traballo
constante”. Queda tamén para o coloquio.
Co A, o inicio
da que creo que é unha das frases claves do libro “Ámote, non o esquezas” (non
vou dicir quen a pronuncia nin en que contexto para non facer iso que agora
chaman spoiler e antes era estragar, arruinar, chafar…). Porque a pesar de toda
a violencia, eixo da obra e por veces insoportable, o AMOR está e maniféstase,
con maiúsculas, e transforma unha realidade vermella como o sangue do raposo
que desacouga e estremece nun refoleo esperanzador.
E para rematar este
acróstico literario, o N, e aquí a palabra é Nerón, que como un
equilibrista na corda do trapecio, bordea o abismo este personaxe cheo de forza
e simbolismo, e transita, sen querer, pola negación, a ira e a dor. E é esta
última, a dor, a que lle dá lucidez e coñecemento. Pois é a dor a que nos
amosa a realidade na súa verdadeira extensión e Nerón sae fortalecido
cando fai ese traxecto. (e estas palabras non son miñas, que máis quixera,
senón da última novela de Diego Ameixeiras, ben querido por Adrián)
E da mellorable
colocación dos pronomes átonos falamos noutro momento, que hoxe é día de
celebración (dou fe que Adrián non ten responsabilidade niso)
Grazas a todas e todos
vós por acompañarnos.
Parabéns a Adrián polo
premio, beizóns pola escritura e por ser, como di Sés na súa canción, semente
de vencer.