Ir al contenido principal

Encontro con Adrián Noia, unha tarde para recordar

 

Annie Ernaux, gañadora do Premio Nobel de Literatura 2022, afirmaba nunha entrevista que “A contraposición entre ficción e realidade é un falso problema, o importante é escribir a verdade” e “que non importa a forma, ficción, non ficción, autobiografía…O crucial é a verdade”. E de verdade trata a ópera prima de Adrián, que presento cun pequeno acróstioc, xogando co nome do autor.

Co A de Adrián, primeiro Agradecemento, por pensar en nós, esta que foi e é a súa casa, o Xelmírez I, para a presentación da súa primeira novela, O país dos raposos, galardonada co 2º Premio da Xuventude Crea 2021 na categoría “Novela Curta”. Logo, e seguindo co A, dubidei entre Alerta, Alarma e Ameaza, porque o país dos raposos é todo isto, pero vou quedar coa última, con Ameaza, pois resulta imposible ler a novela e non sentir unha sorte de corda ameazante ao pescozo. Ameazada a democracia, que se ve débil e defectuosa, ameazada a liberdade e a disidencia, ameazada a vida pola que o fascismo, ese do que xa dixo Orwell que viría camuflado coa bandeira da liberdade, se infiltra borrando a memoria do que un día foi e pode volver ser. Pero non quería abandonar o A, así dun xeito tan pesimista e propoño outro termo, Activismo, porque ser activista é saber resistir e diso, o personaxe de Nerón (e Adrián) tamén saben.

Co D, Distopía, evidente nesta primeira incursión narrativa do autor, xa que a sociedade que retrata no país de Vulpania non é real, por agora … polo que entón ao mellor deberíamos falar de profecía. Ou unha Distopía profética ou unha Profecía distópica…Non sei se estarei liando moito o novelo, Adrián! Mellor queda para o coloquio. En calquera caso, o que se retrata arrepía, mete o medo no corpo e concibe un escenario aterrador, pero non é imposible…e neste país sabémolo ben porque xa o vivimos. O que queda, quizais, como di Margaret Atwood, mestra nisto da distopía, é crear unha utopía que nos axude a imaxinar como salvar o mundo. 

Co R poderían ser moitas. Aquí tiven máis difícil a escolla. Rebelión, Resistencia, ou Reencontro (este, o de hoxe ou o do bar do libro, onde Nerón toma unhas copas con Paulo e Catarina para celebrar a vida). Pero voume quedar con ROSALÍA (de Castro), porque ela abre e pecha O país dos raposos, porque eses que fixeron un leito de toxos e silvas e tranquilos nun leito de rosas durmían son os mesmos que prentenden vencer, matar e triunfar (“o raposo vencerá”, “o raposo matará”, “o raposo triunfará”). Máis Rosalía está tamén nas sombras, negras, que percorren a obra e que asombran, fan mofa e en todo están.

Co I, unha tríade formada por Intelixencia, Ilusión e Incredulidade. Intelixencia, a de Adrián. por artellar un relato tan digno sendo tan novo (certo é que non es o primeiro, cos mesmos anos, Mary Shelley escribiu Frankenstein); Ilusión, a miña, a nosa, por que o fagas en galego, pois como di Manuel Rivas, tamén querido por ti “Na terra escondida/Fálase unha lingua/que chove cos pés descalzos” eu engadiría por agora e cada vez menos, pero quedemos cos versos do poeta…e Incredulidade, tamén a miña, a nosa, porque non creo/cremos nada iso que dis de que “nunca pensei que chegaría ata aquí sen esforzo nin traballo constante”. Queda tamén para o coloquio.

Co A, o inicio da que creo que é unha das frases claves do libro “Ámote, non o esquezas” (non vou dicir quen a pronuncia nin en que contexto para non facer iso que agora chaman spoiler e antes era estragar, arruinar, chafar…). Porque a pesar de toda a violencia, eixo da obra e por veces insoportable, o AMOR está e maniféstase, con maiúsculas, e transforma unha realidade vermella como o sangue do raposo que desacouga e estremece nun refoleo esperanzador.

E para rematar este acróstico literario, o N, e aquí a palabra é Nerón, que como un equilibrista na corda do trapecio, bordea o abismo este personaxe cheo de forza e simbolismo, e transita, sen querer, pola negación, a ira e a dor. E é esta última, a dor, a que lle dá lucidez e coñecemento. Pois é a dor a que nos amosa a realidade na súa verdadeira extensión e Nerón sae fortalecido cando fai ese traxecto. (e estas palabras non son miñas, que máis quixera, senón da última novela de Diego Ameixeiras, ben querido por Adrián)

E da mellorable colocación dos pronomes átonos falamos noutro momento, que hoxe é día de celebración (dou fe que Adrián non ten responsabilidade niso)

Grazas a todas e todos vós por acompañarnos.

Parabéns a Adrián polo premio, beizóns pola escritura e por ser, como di Sés na súa canción, semente de vencer.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito