Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións

RadioClic! - 2023/2024

RadioClic! ten un sitio web propio no que se poden seguir todos os pasos dados para desenvolver os proxectos da radio da biblioteca durante o curso académico 2023-2024, incluída a proposta final.


Durante ese curso académico, participaron na radio na Biblio os departamentos de Alemán, Artes plásticas, Castelán, Economía, Educación física, Filosofía, FOL, Francés, Galego, Imaxe e son, Informática, Inglés, Música, Relixión católica, Tecnoloxía e Xeografía e historia, así como o 42,2% do alumnado do instituto. 

Botádelle unha ollada seleccionando a imaxe!


Grazas e parabéns ao alumnado, ao auxiliar de conversa, Paul, e máis ao profesorado participante!





Os clubs de lectura despídense ata setembro

Foron  moitas as xuntanzas que os nosos 11 clubs de lectura levaron a cabo ao longo deste curso, dalgunhas delas non  quedara constancia neste blog. Retomamos algunhas das imaxes e agradecemos o labor das persoas que dedicaron o seu tempo libre a facer que o libro sexa un compañeiro de viaxe do noso alumnado. 


Lectura e familias: Obradoiro de dobraxe

A convocatoria Lectura e Familias da Consellería de Educación permitiunos ofrecerlles aos 95 lectores e lectoras dos nosos clubs un magnífico agasallo: os obradoiros Solovoz, que Damián Alonso nos  impartiu a última semana do curso. Canto podemos expresar coa nosa voz e de cantas maneiras distintas se pode ler un libro!



Cando ler é unha festa

As xuntanzas dos clubs de lectura dos martes remataron un mércores cunha magnífica visita ás Illas Cíes; mágoa dos que por exames non puideron vir. Grazas, Alexandra e Sito, pola organización. 


Ismael Ramos contesta o cuestionario lector de Palabras Compartidas

 

 

1.   O último libro que liches...

Vivir entre lenguas de Sylvia Molloy.

2.   O libro que mudou o teu xeito de pensar...

Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín ou O lugar de Annie Ernaux.

3.   Un libro que relerías...

Agora mesmo As sete idades de Louise Glück.

4.   Un libro que recomendarías...

Os catro volumes do Cuarteto estacional de Ali Smith.

5.   Un dos primeiros libros que liches na escola...

Son incapaz de lembrar cales serían as miñas primeiras lecturas na escola, pero de pequeno o meu libro favorito para ler só era Olivia tiene cosas que hacer de Elvira Lindo, con ilustracións de Emilio Urberuaga.

6.   O libro que non remataches de ler...

Son moitos e diversos, a medida que pasan os anos, máis.

7.   A autora ou o autor do que máis libros tes...

Hai moitxs autorxs dos que teño todos os seus libros e mesmo algúns noutras linguas ou nos seus idiomas orixinais. O cal demostra que a bibliofilia é unha adicción severa. Algúns dos meus favoritos son: Thomas Bernhard, Louise Glück, Annie Ernaux, X.L Méndez Ferrín, Flannery O’Connor, Fleur Jaeggy...

8.   Un libro que esteas a ler...

Mentres contesto este cuestionario levo lidas corenta páxinas de Lucy e o mar de Elizabeth Strout e xa sei que non me vai decepcionar.

9.   Un libro que levas tempo querendo ler...

Absalón, Absalón! de William Faulkner e O mar, o mar de Iris Murdoch.

10.    Que cita literaria che gustaría compartir...

Aínda que sexa redundante neste caso, sigo sen poder deixar de pensar na cita que abre A parte fácil e que eu copiei nun caderno aos 17 anos mentres lía por primeira vez Razóns para vivir de Amy Hempel: “Algo que esqueces, vivindo aquí, é que parar de afundirte non significa que non sigas baixo a auga”. E hoxe, sinto a tentación de cruzala cuns dos versos máis populares de Louise Glück, que forman parte do poema “Nostos” en Pradeiras: “Vemos o mundo unha única vez, durante a infancia. / O resto é memoria”. E aí, detido nese lugar imposible, remato este cuestionario bibliófilo.

 Moitas grazas, Ismael, por deixarnos saber algo máis de ti. 

 

A balada dos unicornios

O club XelmilectorXs de 3º ESO que acolle, coma na Escola de Artefactos e Oficios, os mozos e mozas máis brillantes, viaxou a través das páxinas d´A balada dos unicornios ao mundo da maxia e a aventura. Grazas Ledicia Costas por transportarnos e grazas Alexandra Pacheco por conducirnos. 


 

Un club primaveral para Lectorxs de 1ª

O bo tempo do martes permitiu aproveitar o espazo privilexiado que rodea o noso centro para facer o club de lectura ao aire libre. Falamos do amor, da amizade, dos problemas que conleva compartir información con descoñecidos nas redes sociais... e ata lle fixemos unha visita ás ras!

Quen dixo que ler non era divertido? 

Grazas, Rosaura.  

 

 



A parte fácil, antonte con Ismael Ramos

Cálida e frutuosa foi tamén desta volta a xuntanza de Palabras Compartidas. Grazas, Ismael, polo tempo e o saber. 

Agradecidas tamén a Carme Moure polas súas vitrinas.

E dende Palabras Compartidas, achegámonos a esta obra:

A. Co A de anestesia que os personaxes procuran para aturar as feridas da vida e que Sara atopa a través dunha disciplina que lle permitirá aprender a coidar do seu corpo en modo automático para poder ocupar a cabeza descifrando códigos.

E co A da amizade, da necesidade de construíla dende os alicerces, aínda que a maioría das amizades se inventan máis do que se constrúen.

 P. Co P de precariedade laboral dos que van ao traballo coma unha tribo que vai á guerra, e no que nin sequera serán personaxes secundarias. Comparten pisos de estudantes cando xa deixaron de selo e xa non saben moi ben o que son.

Pero, sobre todo, co P de precariedade emocional porque todos sofren procesos de dó e carecen das ferramentas necesarias para afrontalos. Dos seus corpos colga a casca baleira do que un día foron (ou do que desexaron ser) e precisan desfacerse dela pouco a pouco. Coma os réptiles cando mudan de pel.

 A. Co A de atmosfera conseguida nos relatos grazas a descricións moi plásticas e poéticas que incorporan sensacións visuais, olfactivas e auditivas:  “ O tráfico a esa hora era un neno aprendendo a tocar o violín”.  “Houbo unha nube de vapor e xirouse. Foi coma o bufido dun gato”.

Pero a atmosfera non é todo. O relato transcende a mera ambientación e cada historia agocha dentro de si, a modo de matrioska rusa, moitas outras historias e moitos fíos dos que cada un de nós pode tirar.

R. Co R de relato da mocidade no tempo e no lugar que lle tocou vivir, contado de xeito coral por personaxes secundarias ás que o autor consegue darlles o peso exacto: facelas reais sen que estorben.

 T. Co T de Tigre, porque o futuro é un tigre que xa nos mordeu e iso é bo porque estaremos preparados para cando volva.

E. Co E de empeño en ocultar a culpa e o fracaso, de calar cando dan no que doe porque non se debe preguntar o que resulta evidente.

 E co E de esmero na limpeza e na orde, herdado da nai, e que se repite cuase obsesivamente en todos os relatos.

 F. Co F de finais pechados en clímax ou anticlímax que coma os relatos de Dieste teñen a virtude de facer simultáneas no espíritu as imaxes que foron sucesivas. Ou ben aqueloutros que fan estoupar o conto nas palabras derradeiras despois de inzalo poderosamente, como cando a nai de Laura pregunta ante a súa filla morta “Quen lle cortou o pelo? E concentra nesa frase a dor inimaxinable que supón a perda.

A.  Co A  de ausencia da irmá morta, dos pais ausentes, da nai enferma...

Pero tamén co A de análise do que nos rodea, do aspecto das persoas que permite saber se fan a cama todos os días, pola tarde ou pola mañá, que non é o mesmo. Se arrastran os dedos sobre os cadros en busca de po ou se o forno da súa cociña está limpo por dentro. Porque a limpeza non é cuestión de cartos, senón de decencia.

 C. Co C de casas que non dan acougo, asfixiantes, incómodas, que pasan por casas pero que son prisións, coches que se converten en casas e trampas de coellos que cómpre baleirar con urxencia.

Tamén co C do cansazo que non desaparece durmindo. Algo que se arrastra a diario e vai collendo forma, adaptando o corpo ás súas demandas.

E aínda co C de crítica social, velada, pero facilmente recoñecible porque a realidade que presenta é identificable por todos nós: a explotación laboral,  a obriga de comprar leite galego, ou esas mesas que levan o mofo por fóra e por dentro e son o resultado dun investimento de ducias de miles de euros, como anuncia o cartel da Deputación.

I Co I de imposibilidade de cumprir os estándares dos pais e das nais, que comporta conflitos cun mesmo e nos leva a aparentar o que non somos coa urxencia de agradar.

Co I da independencia ansiada, que libera e fere a un tempo. Tamén co I da Identidade, anulada nas relacións laborais e mesmo nas familiares.

E mesmo co I de intimidade, blindada cun muro que nos protexe, pero que provoca unha sensación estrañamente reconfortante cando podemos acceder á dos demais, aínda que sexa roubada, coándonos seus dormitorios.

L. Co L de lazos familiares que precisamos revisar xa que nos atrapan,  a modo de tea  de araña, en relacións tóxicas das que non somos quen de saír e nas que o remorso, a culpa e os silencios ocupan un lugar preferente.

Aínda que ás veces nos sorprenden con algunha tregua, breves instantes de repouso e acubillo, que son os restos do que quedou tras a furia: un regato pequeno, un vento agradable...

Martes, en Palabras Compartidas, encontro literario con Ismael Ramos

Este martes, 25 de abril, ás 18;30 h vémonos na Biblioteca do centro para compartir palabra con Ismael Ramos, un Premio Nacional de Poesía que desta volta fai unha incursión na prosa co libro de relatos A parte fácil. Non faltes!


O fruto prohibido nos Martes Lila

Este martes, Carme Moure e as súas alumnas dos Martes Lila comentarán un excelente cómic chegado de Suecia: feminista, cáustico, instrutivo e terriblemente divertido. 



Navegamos con Tristán Ron

Emotiva a xornada que este martes organizou o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega para acoller a presentación de O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa, de Tristán Ron. 
Non podía ser doutro xeito xa que a obra congregou arredor de si a antigos alumnos de Vai no dentista, a alumnos actuais do club de lectura de cómic, a antigos profesores e profesoras de Tristán... A presentación da publicación, cunha lectura moi traballada, correu a cargo do escritor Adrián Noya; a música en directo interpretouna Unai de Larrínaga, ambos os dous amigos de Tristán e ex alumnos deste centro. 
Que grato velos medrar e sabelos parte do Xelmírez! 
Beizóns.  

Filmírez volve este xoves!


Filmírez, o club de cinema do Xelmírez, volve este xoves e farao para analizar dúas obras clásicas que son todo un referente: A máquina do tempo e As viaxes de Gulliver. Agardámoste, coma sempre, ás 15 h. na Biblioteca. 

 

Mércores 22, Tristán Ron presenta na Biblioteca O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa

Sabías que a Sala Nasa está ao lado do noso instituto e que pasas por diante dela todos os días? Sabías que a comezos dos anos noventa, cando aínda se respiraban os aires de liberdade da Transición e a creatividade sen par dos 80, o Grupo Chévere abre esta sala que nos ofrecerá concertos, teatro de vangarda e iniciativas culturais de todo tipo?

Achegaranos a ela un guía de luxo, Tristán Ron, que a viviu dende dentro e foi alumno do noso centro. 

Contamos contigo este mércores 22 de marzo, ás 17:30 h, na Biblioteca para a presentación de O navegante. Unha viaxe a bordo da Sala Nasa. 


De interrail con Andrea Maceiras

Ao alumnado do club de lectura de 3º ESO gustoulles tanto a obra Europa Express, de Andrea Maceiras que se lles deu por marchar un par de horas polos destinos que percorreron os protagonistas. Iso si, cunha pequena axuda do Croma!

 

Un martes con Jack London

Jack London levounos a Alaska guiados por Buck e polo noso profe Breogán. Houbo avaliación de coñecementos e Emma erixiuse en gañadora, seguida de cerca por Estela. 
Volveremos vernos o 28 de marzo con novas propostas lectoras!


O club de banda deseñada tivo premio e gañador

A obra de Paco Roca permitiunos abordar a contribución dos exiliados españois á liberación de París e á loita antifascista. Un tema que conecta co PDI Tecendo Identidade(s) na II República que promove a Biblioteca do centro.

O club tivo premio e o seu gañador é Javier García. El foi o primeiro en completar todas as respostas do kahoot elaborado por Fernando Prieto e Teresa Castro, os condutores deste club de lectura. Parabéns agradecidos a ambos por tanta xenerosidade.