The Waylanders, un videoxogo de rol, con versión en galego e ambientado na Compostela medieval

 

Gato Studio, con sede na Coruña, vén de compartir importantes novidades relativas a The Waylanders. Estas teñen relación directa cos esforzos despregados polo estudio para ofrecer unha recreación o máis fiel posíbel do que debeu ser a cidade onde se ambienta a aventura gráfica: a Compostela do medievo.
Entre todas as edificacións que presenta o videoxogo destaca sen dúbida a Catedral románica, que amosa o seu impoñente deseño tanto exterior como interior, con detalles recoñecíbeis como o Pórtico da Gloria, unha fiel recreación do botafumeiro e referencias ós deseños do Mestre Mateo para a súa construción. Porén, o tempo compostelán por excelencia na súa feitura orixinal non é o único elemento reconstruído ao detalle. Este interese por achegarnos unha xanela á Compostela do medievo tamén se reflicte nos esforzos por reproducir os campos de cultivo con produtos da época, a zona de xustas, a prisión ou a taberna. 
The Waylanders é un RPG (siglas de Role-Playing Game), un xogo de rol ambientado en Galicia e inspirado polos mitos e lendas celtas, especialmente no Libro das Invasións, unha das obras de referencia deste ámbito temático de investigación. 
Dende Gato Studio lembran que a súa nova proposta gráfica inclúe viaxes no tempo entre a época celta e medieval e combina aspectos reais (como localizacións e obras arquitectónicas) cunha épica historia de fantasía na que hai cabida para a maxia e personaxes e razas extraídas da cultura celta galega e irlandesa. Ademais de todos os monumentos devanditos, tamén aparecen outros tan coñecidos como a torre da mítica Brigantia, baseada na Torre de Hércules, o Ézaro ou os recoñecíbeis castros celtas. Tamén hai cabida para lugares de fóra de Galicia como As Médulas. 
The Waylanders saíu á venta en xuño de 2020 en acceso anticipado, unha opción que permite engadir contido de maneira progresiva antes do lanzamento final, e mellorando aspectos do xogo grazas ás contribucións da comunidade de xogadores. Este anticipo de Compostela estará dispoñíbel para os xogadores no seu lanzamento final, que será en primavera de 2021.
Achegarase en galego, español e outros 5 idiomas. Previo a este lanzamento final, o 25 de xaneiro, o xogo galego será obxecto dunha actualización de balde que engadirá 6 novos idiomas que permitirán, en palabras de Gato Studio, “levar as lendas celtas de Galicia ao resto do mundo”. Ademais das traducións en inglés, ruso, chino, francés e alemán, o xogo estará en galego e español.
Os estudios da Coruña subliñan tamén a súa intención de “demostrar que Galicia, o seu patrimonio e as súas paisaxes, son interesantes para os xogadores de todas as partes do mundo”, e que é posíbel “poñer en valor a nosa cultura sen renunciar a contar unha absorbente historia de fantasía”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario