Día da Lingua Inicial


 

"Xeliña fala galego” e o multilingüismo

 “É ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñecen. (…) E, por isto, a Xeliña que xa coñece dúas linguas –a galega e a castelá– terá un chisco máis de facilidade para aprender outras que se coñecera non máis a lingua de Castela, poñamos por caso. Ademais, cómpre que non esquezamos que xustamente a lingua é o meirande logro colectivo dun pobo”. No San Xoán de 1968 Valentín Arias escribía estas liñas dedicadas á súa filla nun fermoso relato titulado Xeliña fala galego. O tradutor non se equivocou no prognóstico: aquela rapaciña de sete anos que facía comparacións e reflexionaba constantemente sobre os dous idiomas que sabía naquela altura converteríase tamén, pasado o tempo, nunha destacada tradutora, ademais de editora e poeta. 

A crónica paterna da experiencia de Xela Arias como nena galegofalante pode lerse agora na páxina web da Real Academia Galega. A institución quixo recuperar o texto que o proxenitor lle dedicou á protagonista do Día das Letras Galegas co gallo do Día da Lingua Materna –o 21 de febreiro–, porque catro décadas despois segue a ser moi necesario lembrar a súa mensaxe: a diversidade lingüística é unha riqueza que cómpre preservar. A UNESCO anima a celebrar dende o ano 2000 a data precisamente pola constatación de que esta valiosa herdanza cada vez está máis ameazada: cada dúas semanas desaparece unha lingua, e con ela morre tamén un patrimonio cultural e intelectual irrecuperable.
 
A galega segue a ser unha lingua moi viva. Pero a creba da transmisión xeracional, de nais e pais a fillos e fillas, supón unha ameaza real sobre a que a Real Academia Galega volve chamar a atención. A institución recorda que transmitirlles o noso idioma aos nenos e nenas é imprescindible para coidar o maior patrimonio dos galegos e galegas e garantirlles aos rapaces e rapazas o seu dereito a gozar del. Como apuntaba Valentín Arias, é tamén a mellor maneira de facilitarlles o acceso a outras linguas posteriormente. Ou, o que vén sendo o mesmo, significa abrirlles as portas ao multilingüismo, un concepto no que a UNESCO pon o acento no Día da Lingua Materna 2021 como garante da inclusión e, polo tanto, necesario para un desenvolvemento sostible.

Tanto lingua materna como diversidade lingüística e multilingüismo son expresións que pertencen á terminoloxía propia da sociolingüística, a rama da lingüística que estuda as relacións entre a lingua e o medio social. A palabra diversidade, procedente do latín diversitas, significa ‘diferenza’, aquilo que distingue unha cousa da outra. Neste caso compleméntase co adxectivo “lingüístico”, que foi acuñado no francés (linguistique), a partir de linguiste ‘lingüista’. 

O termo multilingüismo está formado polo prefixo latino multi-, que indica ‘moitos’ ou ‘varios’ e que se engade a unha base de formación latina lingua ‘linguaxe ou lingua’ rematada co sufixo –ismo. Este, malia ser de orixe grega, chegou a nós a través do equivalente latino –ismus e, tras empregarse nun primeiro momento na terminoloxía médica, pasou a usarse tamén para designar movementos políticos, relixiosos, sociais ou artísticos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario