Falamos de Eternity con Xosé Monteagudo

A importancia da elección dos esquemas e procedementos narrativos, o proceso da escrita, as relacións interpersoais, o nacemento desta obra... foron algúns dos temas abordados na sesión de onte. 

Grazas, Xosé, pola proximidade e a calidez da conversa. Grazas, Carme Moure, polas túas magníficas vitrinas, e, benvida, Ana, á familia lectora do Xelmírez.  


E achegámonos á obra de Xosé Monteagudo co:

 E- Co E de Eternity, esa empresa que nos sorprende porque fai a eternidade asequible para todo o mundo, (cen euros non semella un alto prezo para garantir a memoria eterna), unha startup que crea o seu propio mercado, cunha idea novidosa, e un carácter temporal, facendo xurdir ao mesmo tempo unha necesidade e o medio de satisfacela.

Co E de etiquetas, que se van tecendo cos fíos caprichosos do destino e que deveñen unha especie de nicho cun epitafio de serie. Cal escolleriamos para ler? “ Nómades” “Amor” “Loita e compromiso” “Vidas tráxicas ?

Co E de esencia, a esencia do tempo concentrada en todos os elementos dunha escena que a memoria conserva coma un punto de ancoraxe ao que volver para lembrar quen fomos.

T- Co T da Trascendencia perseguida teimosamente polo ser humano dende as orixes dos tempos para ser quen de pervivir e deixar unha pegada tras de si, que adquire agora outra dimensión ao botar man dos novos sistemas de comunicación.

Mais a loita contra a desmemoria segue a ser ardua e cómpre manterse en garda, xa que os cemiterios virtuais, ao igual ca os cemiterios físicos, van adquirindo unha sobreabundancia que precede ao anonimato, e as persoas sitúanse nun espazo próximo ao esquecemento.

Manter no mundo virtual a trascendencia das vidas que se agochan debaixo das historias obriga a transformar o concepto troskiano de revolución permanente polo de renovación permante.

E- Co E da enfermidade que irrompe de súpeto nas nosas vidas e o seu nome ten o poder de anular por completo as regras da realidade tal como a coñeciamos ata o intre de oílo.

Pero tamén co E de enfermeira, que debe mostrar unha bondade viril cos homes. Unha bondade cortés cos mozos e coas mulleres, maternal cos nenos e condescendente cos vellos.

E que, asemade,  ten que interiorizar que o médico é superior á enfermeira, porque é o representante de Deus, así que obedecendo ao médico, a enfermeira obedece a Deus.

Co E de emigración que motiva unha fractura tan grande na relación cos pais que fai que cando estes regresan naza un desacougo recóndito que acompaña coma un cadáver mergullado no fondo dun lago.

E aínda co E de Elba, a súa aliada máis firme contra os silandeiros inimigos que estaban sempre á espreita e que, de seguida, a acolle na súa propia paisaxe familiar. 

R- Co R de relato porque todo relato sobre unha persoa remata por ser tamén un relato sobre quen o escribe e o de Carolina que comezara tendo valor para ela, de súpeto adquire tanta ou máis importancia para a súa filla.

E porque, despois da vida, só queda o relato.

Co R de reconstrución da memoria, feita polos sobrevivintes porque son os vivos e non os mortos os que determinan a memoria que os desaparecidos legan á posteridade.  

Nela, cando a óptica persoal deixa paso ao multiperspectivismo focalízanse as distintas vidas que encerra en si unha vida, e ponse de manifesto que un certificado de defunción pode nomear só a carcasa orgánica que contivo, sucesivamente, seres contrapostos.

Tamén co R de rato, pequeno e aparentemente insignificante, pero sen o que Eternity non existiría. 

N- Co N de narración que nesta obra, ao igual ca na historia de Adalia Nogueira, destaca polo estilo transparente, dunha pulcritude absoluta onde teñen cabida, non obstante, ideas e frases de profundidade, pero engastadas na narración con toda sinxeleza, sen ningunha sombra de retórica literaria ou pretensión de lucimento por parte de quen escribe.

E tamén co N de negación dos procesos dolorosos porque quen trata de esquecelos sabe que a linguaxe aviva os sentimentos igual que o vento atiza unha fornalla, impedindo que se extinga a dor asociada á verdade que convocan as palabras. 

I- Co I de incomunicación  que fai que a imaxe que Diego formara da súa nai ao longo de tantos anos mudara nas últimas semanas cando comeza a revisar os seus escritos. E que a filla de Carolina despois da  confesión de súa nai sinta unha estraña sensación de abatemento coma se antes dese día estivese convivindo cunha persoa distinta á que tería ao seu lado de alí en diante.

Co I tamén da inestabilidade laboral dunha xeración formada pero afeita a traballos irregulares e mal pagados, a ingresos que escapan a calquera plan persoal de futuro. E esta inestabilidade ten o seu reverso, non menos desacougante, cando as rutinas laborais se instalan de tal forma que o traballo acaba por ser o centro da vida e coloniza os afectos. 

T- Co T dunha trama novidosa que, coa eternidade como pano de fondo, trae ao primeiro plano a vida da protagonista cos seus conflitos internos e en loita permanente co mundo que lle tocou vivir para ser quen de atopar o seu camiño.

Co T de tecnoloxía que desborda as nosas vidas e nos acompaña na morte. 

I- Co I de imaxinación que permite que as historias completen coa imaxinación actual un recordo do pasado, porque a verdade dunha historia depende máis do oportuno engadido dun elemento de ficción ca dunha relación espida dos feitos.

Co I de irrealidade porque todas as cousas realmente grandes comezan cun feito irreal que o tempo se encarga de converter en lenda e tinguir de verdade con consecuencias prácticas.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario