Velaquí as respostas de Xesús ao cuestionario de Palabras Compartidas co que o noso club de adultos inicia os encontros literarios.
O último libro que liches...
Os contos de Siempre quiero ser lo que no soy, de Aloma Rodríguez.
O libro que mudou o teu xeito de pensar...
Creo que todos os que lin contribuíron a mudalo: máis que un libro revelador, creo no pouso que van deixando todos.
Un libro que relerías...
Releo moito, continuamente: é un gran pracer. Esta semana, anacos de La ciudad de los prodigios e Merlín e familia.
Un libro que recomendarías...
Recomendo en función dos gustos ou necesidades de quen solicite recomendación. E hai tantos libros bos… A semana pasada pedíronme de El Ojo Crítico unha peza sobre un libro e escollín Merlín e familia, así que entendo que é unha recomendación ou algo parecido.
Un dos primeiros libros que liches na escola...
Ao escolarizarme en Inglaterra os primeiros libros que lin foron da colección Ladybird. Conservo moitísimos, máis dun cento.
O libro que non remataches de ler...
A Suitable Boy (Un buen partido), de Vikram Seth. Pero non significa que o abandonase: volverei a el.
A autora ou o autor do que máis libros tes...
Álvaro Cunqueiro. Uns cincuenta, se sumamos os ensaios sobre a súa obra e biografías.
Un libro que esteas a ler...
Mudlarks, de Lara Maiklem, o testemuño dunha afeccionada a rastrexar o Támese á procura de obxectos do pasado.
Un libro que levas tempo querendo ler...
Téñolle ganas a A contrafío, de Huysmans, dende que lin sobre el no último libro de Julian Barnes. E hai uns meses agasalláronme a tradución ao galego, así que xa non teño escusa.
Que cita literaria che gustaría compartir...
«Non todo o que vaga errante está perdido». Dio Gandalf nunha pasaxe de O señor dos aneis.
Moitas grazas, Xesús.
Moitas grazas. A vós!
Ningún comentario:
Publicar un comentario