Laureano Araujo contesta o noso cuestionario lector


 O último libro que liches...

Acabo de rematar un poemario precioso, titulado Nieve, de Ana María Bustamante, onde se poden ler cousas como “tiemblan los sueños | al final de la vida”.

  O libro que mudou o teu xeito de pensar...

Hai varios. Por exemplo, A insoportábel levidade do ser, de Milan Kundera, ou A visita da vella dama, de Friedrich Dürrenmatt, ou Ideología e historia. La formación del cristianismo como fenómeno ideológico, de Gonzalo Puente Ojea, ou Le capital au XXIe siècle, de Thomas Piketty. O verán pasado lin The Age of Surveillance Capitalism, de Shoshana Zuboff, que debería ser lectura obrigatoria en todas as escolas superiores de enxeñaría informática.

 Un libro que relerías...

É algo que fago moito. Teño enriba da mesa de noite O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde.

 Un libro que recomendarías...

 A lenda do santo bebedor, de Joseph Roth, un galiciano que volvería morrer de pena se puidese ver o que o exército ruso lle está a facer á súa terra. Ademais, traducino ao galego e acaba de saír, así que me fai ilusión que a xente o lea. É unha pequena xoia.

Un dos primeiros libros que liches na escola...

O vixía no centeo, de J. D. Salinger. Lin moitos outros libros antes, claro, libros infantís e xuvenís, pero este é dos primeiros que se me ocorre mencionar. E iso que daquela non o entendín moi ben!

O libro que non remataches de ler...

Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Empeceino varias veces, e nada. Nunha ocasión metino na equipaxe dunha longa viaxe en tren que fixen en liteiras, e non levei ningún outro libro, para non ter escapatoria. Nunca tan ben durmín nun vagón!

 A autora ou o autor do que máis libros tes...

Diría que Patricia Highsmith, de quen teño unha boa parte da obra. Moi intelixente, moi perturbadora, absolutamente irresistíbel.

 Un libro que esteas a ler...

O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira. Este país existiu, aínda que fóra nos digan que non.

Un libro que levas tempo querendo ler...

Unha boa amiga en cuxo criterio confío moito faloume o ano pasado de Uncanny Valley, de Anna Wiener, que intúo que acabarei mercando.

Que cita literaria che gustaría compartir...

Estes días tan desoladores en que a guerra volve a Europa lembro moito unha cita de Isaac Asimov que aparece en Fundación, creo, e que di algo así: “a violencia é un xeito antieconómico de obter un fin”. Non sei se Asimov estará entre as lecturas de cabeceira do señor Putin. Talvez prefira os delirios de Aleksandr Duguin.

Moitas grazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario