Ir al contenido principal

Berta Dávila estivo con nós




B co B saudamos a Berta, esta conveciña compostelá que, malia a súa xuventude, xa ten un lugar de seu na literatura galega.

Pero tamén eliximos o b para falar da beleza que conleva a palabra poética nesta obra, escrita con pulso de miniaturista e que precisa ser lida con pupilas miopes, atendendo a cada punto.

E o E da enfermidade que ás veces pode aparecer repentinamente coma o cabalo negro dun carrusel no que xiramos todos, arriba e abaixo, saudando desde a roda. 

R co R que relaciona a música e as matemáticas porque a única diferenza entre elas é o fío, a narrativa e é de aí de onde nace a devoción da protagonista polas caixas de música, carentes totalmente de narrativa pero pletóricas de encanto.

T o T da tempa dereita, acariñada polo avó Gonzalo cos dedos cheos de cinsa que transformaban o signo do abandono e do desamparo en signo de amor. Esa mesma cinsa que  cobre de tal maneira os seus libros que un non debería ser quen de soprar sobre eles sen tusir despois.

A  co A de ausencias, presentes tamén nesta obra ao igual ca noutras de Berta Dávila.  Porque hai tantos tipos de ausencias coma de ausentes e algúns xa non están fisicamente no mundo, pero fixéronnos felices polo que significaron cando estaban.

D o D de diferenza, xa que a diferenza nunca é unha derrota, é apenas un lugar, un espazo que se abre para que o amor o ocupe.

A o A de amor porque esta é  a única razón para comezar unha novela, xa que a literatura non é un destino senón unha escolla e, porque o amor, cando é de verdade, é sempre imprevisible.


V o V da viaxe interior que cómpre ás veces para abrir feridas, limpalas e deixar que cicatricen.

I o I do intimismo, o ton confesional que nos recorda por veces a Luís Pimentel e que  que nos achegan a un mundo interior dominado pola autenticidade dos sentimentos.

L de Literatura que estragou as súas mellores horas de amor, pero son o disfrace que a protagonista de Carrusel precisa para recoller certezas coas que vestirse para estar no mundo, para ordenar o que lle falta e o que lle sobra.

A co A do automatismo que nos permite seguir con vida contra todo, formar parte de algo que prosegue a pesar de nós preso da inercia, como fai un tren que non soubemos deixar marchar.
Pero tamén cos dous a presentes na palabra mamá, porque ela é o único lugar ao que lle podo chamar casa.

Compartimos con vós as súas respostas ao noso cuestionario lector. 

O último libro que liches.
Agosto, de Miriam Ferradáns.
O libro que mudou o teu xeito de pensar.
El acontecimiento, De Annie Ernaux.
Un libro que relerías.
 Frankenstein, de Mary Shelley.
Un libro que recomendarías.
Árbol de diana, de Alejandra Pizarnik
Un dos primeiros libros que liches na escola.
Lembro un: Pío Pío Lope el Pollito miope, de Gloria Fuertes
O libro que non remataches de ler.
 El segundo sexo, de Simone de Beauvoir.
A autora ou o autor do que máis libros tes.
 Se cadra teño demasiadas novelas de Amelie Nothomb. E de Enid Blyton.
Un libro que esteas a ler.
Todo cuanto amé, de Siri Hustvedt.
Un libro que levas tempo querendo ler.
Lin moi pouco a Anne Carson.
Que cita literaria che gustaría compartir.
Unha de W. Szymborska "Cando escribo sempre teño a sensación de que alguén está detrás de min facendo mofa. Por iso fuxo, todo o que podo, das grandes palabras". 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enrique Montero explícanos o seu lapbook de Mentira

Enrique Montero Díaz, alumno de 2º ESO, explícanos o lapbook que realizou sobre Mentira , de Care Santos. Parabéns e grazas, Enrique, por este magnífico traballo. Seguro que este libro formará parte das lecturas que un non esquece. 

Facemos libros despregables

Esta avaliación traballaremos o libro despregable ou lapbook. Velaquí un titorial que pode serche de utilidade.

Lapbook El principito